O noso municipio acadou, o pasado ano, a cifra de 214 doazóns de sangue

Ao carón da unidade móbil establecerase un set de rodaxe para escenificar que os protagonistas son os doantes

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) promove, en colaboración co Concello de Ares, a campaña especial “Verán 2023: Ti es o protagonista”.

O obxectivo desta iniciativa pasa por aumentar a participación da cidadanía na época estival. Desde ADOS saliéntase o talante solidario dos veciños e veciñas de Ares que ao longo do ano 2022, efectuaron un total de 214 doazóns de sangue, o que representa unha taxa de 35 doazóns por cada mil habitantes e ano.

O Concello de Ares e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue impulsarán este xoves, 27 de xullo, a participación da veciñanza na campaña de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan 10.000 doazóns mensuais. Por iso, desde o Concello de Ares e ADOS convídase á cidadanía a participar neste xesto solidario.

As épocas de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden co período de vacacións de verán. Por iso, lévanse a cabo accións informativas cos concellos, para tratar de garantir unha participación axeitada co obxectivo de dar resposta as necesidades de compoñentes sanguíneos que precisan os nosos hospitais.

Nesta campaña “Verán 2023: Ti es o protagonista” enmárcase a colaboración que levará ata Ares unha unidade móbil de ADOS, que terá ao seu carón un set de rodaxe para escenificar que o protagonista é cada un dos doantes.

Campaña na Avda. Saavedra Meneses

A unidade móbil de ADOS estará situada na Avenida Saavedra Meneses (ao carón de “El Pez Rojo”) o xoves 27 de xullo, das 10:00 ás 14:30 e das 16:00 ás 21:00 horas, para poder atender a todas as persoas que desexen participar nesta campaña solidaria en colaboración co Concello de Ares.

ADOS lembra que para doar sangue, debemos ser maiores de idade, pesar máis de 50 quilos e non padecer ou ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.