Estudantado de primaria e secundaria do CPI As Mirandas participou este martes e xoves da segunda parte do programa ‘Rodas Escolares’, unha iniciativa para aprender a manexar unha bicicleta, mantela a punto e ademais facer deporte en espazos naturais da vila, en colaboración co Café-Obradoiro Kom, especializado na reparación de bicis.
Así, durante as dúas xornadas a Concellaría de Deportes organizou saídas pola contorna máis próxima ó centro educativo, aproveitando o coñecemento que adquiriron a semana anterior nos obradoiros impartidos no pavillón de Ares; foron charlas prácticas nas que aprenderon a engrasar unha cadea ou regular o freo, cal é o inflado adecuado ou como axustar o sillín e manillar á súa altura.
Nesta ocasión, acompañados por membros de Protección Civil e Policía Local, tamén puideron achegarse ás sinalizacións que se precisan realizar cando se vai en bici para informar ao resto de persoas e vehículos dos seus movementos e, xa de paso, percorrer o Parque Rosalía de Castro e mesmo o paseo marítimo da localidade, coa climatoloxía a favor e boas vistas á ría.
Coas dúas saídas, o Concello conclúe ‘Rodas Escolares’, unha iniciativa enmarcada dentro de Sporural, o proxecto do Erasmus + Deportivo no que se inscribe Ares, xunto con outras vilas de Hungría ou Grecia.