Adxudicadas as obras para conectar Ares e Redes cunha senda peonil

Comparte esta nota de prensa

Durante o encontro entre o alcalde de Ares, Julio Iglesias, e o presidente da Deputación da Coruña, González Formoso, que se produciu no día de onte, a localidade recibiu outra boa nova: a sinatura do contrato para executar proximamente a nova senda que conectará o núcleo urbano aresán e Redes, na estrada DP-0401.

En palabras do presidente provincial, “hoxe [por onte] é un día moi especial para Ares porque acabamos de asinar o contrato de adxudicación das obras dunha beirarrúa que vai permitir aos camiñantes poder percorrer ese tramo de forma segura”, precisamente nunha vía moi transitada sobre todo no verán, ao dar acceso, entre outras cousas, ás praias do municipio.

Para Julio Iglesias, tanto este anuncio como a situación actual da segunda fase de ampliación da estrada de Chanteiro “supoñen unha mellora na seguridade vial esencial, atendendo a reivindicacións históricas que se cumpren e que conectarán núcleos fundamentais” para todo o municipio. “O compromiso na mellora de viais provinciais queda absolutamente satisfeito”, declarou o rexedor aresán.

As obras xa adxudicadas supoñen un importante investimento de 748.038 euros e implicarán un notable aumento da seguridade peonil, xa que o espazo actual carece de beiravías. A intervención construirá unha senda de dous metros de ancho sobre a marxe dereita desde o punto quilométrico 0+140 ao 2+980 e logo sobre a esquerda do 2+960 o 3+200 para evitar afeccións ao peche da Villa Santa Amalia. Un total de 3,2 quilómetros de beirarrúas.

Incluírase tamén un muro de de contención entre os puntos quilométricos 2+636 e o 2+650 para evitar a invasión excesiva das parcelas anexas. Así mesmo acometeranse a ampliación da drenaxe existente, instalacións de nova sinalización e reposición de pavimentos afectados.

Pódeche interesar