Ares acolle este venres, 15 de marzo, a charla divulgativa “Muller e ciclos hormonais ao longo da vida”

Comparte esta nota de prensa

As Concellarías de Deportes e Benestar organizarán a ponencia ás 19:00 horas no salón de actos da Alianza Aresana. Estará impartida polo especialista Camilo Prieto Rivas e destínase á poboación en xeral, mais singularmente a mulleres de calquera idade ou persoas que traballen en ambientes sanitarios.

A iniciativa abordará as similitudes e diferencias biolóxicas entre homes e mulleres, as características do ciclo hormonal feminino e as necesidades biopsicosociais da muller no século XXI.

Cales son os principais factores de risco asociados aos problemas de saúde da muller? Como impactan as demandas diarias, no eido familiar, emocional e profesional ás que están sometidas, no seu estado xeral? Son algunhas das preguntas que se poderán respostar este venres, 15 de marzo, ás 19:00 horas na Alianza Aresana, no marco da charla divulgativa promovida polo Concello “Muller e ciclos hormonais ao longo da vida”.

A ponencia contextualizará dende unha perspectiva global as afeccións e anomalías do xénero feminino, afondando sobre todo na variación do seu ciclo hormonal, cíclico e cambiante. Mais a charla non só debullará as problemáticas da muller, senón que tamén se entenderán mellor cales son as necesidades biopsicosociais dela no século XXI e que medidas terapéuticas se poden aplicar para recuperar a saúde hormonal feminina.

A ponencia estará impartida por Camilo Prieto Rivas, licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, posturólogo, osteópata, graduado en Fisioterapia e con múltiples especializacións en readaptacións funcionais deportivas.

O evento enmárcase dentro de Academia AresXSalud, unha iniciativa que achega coñecemento á veciñanza a través de 6 ponencias sobre a saúde das crianzas, das mulleres, dos maiores e o impacto positivo do deporte nas nosas vidas, fundamentada na colaboración entre Concello e a clínica maSSalud.

Pódeche interesar