A concelleira de Deportes, Noelia Montero, e Chiqui Barros, do Campus, presentaron un ano máis a tradicional iniciativa centrada na formación en baloncesto para os mozos e mozas de 5 a 18 anos.
Organizarase do 1 ao 5 de agosto, coas últimas prazas a disposición dos interesados/as.
O Campus Chiquibásquet volve ao municipio aresán na súa décimocuarta edición, exemplificando a fonda tradición da iniciativa nos veráns da localidade. O evento de formación lúdico-deportiva de baloncesto vén de ser presentado por Noelia Montero, concelleira de Deportes, e Chiqui Barros, promotor do Campus, na casa consistorial da localidade.
A aprendizaxe progresiva, a diversión e a práctica do baloncesto chegarán ao pavillón polideportivo de Ares nas xornadas do 1 ao 5 de agosto, de 10:00 a 13:30 horas, cun coste de matrícula de 50 euros —45 para a segunda matrícula familiar e posteriores—, segundo se informa dende a organización do Campus. A inscrición xa se atopa aberta e coas últimas prazas dispoñibles das preto de 40 habilitadas, todas elas para rapaces e rapazas de 5 a 18 anos.
O proceso de reserva estará aberto ata o venres, 29 de xullo, ás 19:00 horas, ou ata esgotar o total das prazas. A inscrición tramitarase a través da páxina web chiquibasquet.wordpress.com, no correo electrónico chiquibasquet@gmail.com ou no 676 408 520.