A mobilización desenvolveuse onte ás 20,00 horas diante da Casa do Concello. O acto contou cunha numerosa participación veciñal e estivo respaldado polo alcalde, a edil de Mobilidade e concelleiros de diferentes grupos da corporación municipal
O Concello de Ares acolleu na tarde de onte unha nova concentración convocada pola Plataforma por un Transporte Digno para Ferrol e comarca para reclamar un transporte público de calidade.
Previamente, no paseo marítimo, procedeuse á entrega aos veciños e veciñas dunha enquisa para recoller as opinións e necesidades relativas ao transporte, cuxo resultado será publicado e que ademais será trasladada á Xunta.
Na mobilización posterior ás portas do Consistorio, na que participaron ao redor de medio centenar de persoas, procedeuse á lectura dun manifesto por parte da presidenta da Plataforma, evidenciando o gran descontento co transporte público ofertado pola Xunta e a súa inacción antes os problemas denunciados.
Desde a Plataforma anunciaron que as próximas mobilizacións serán en San Sadurniño e Fene, animando á participación.