Ares adxudica o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Comparte esta nota de prensa

A semana pasada, a casa consistorial aresán acolleu o acto de sinatura formal entre o alcalde de Ares, Julio Iglesias, a concelleira de Igualdade e Benestar, Victoria Montenegro, e os representantes da empresa adxudicataria.

Esta adxudicación supón un forte cambio con respecto ao período de 2016-2021, con incrementos tanto no orzamento como número de traballadores e as horas anuais de prestación do servizo.

O Concello de Ares vén de adxudicar nestas últimas datas o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que rexerá a prestación xestionada pola Concellaría de Igualdade e Benestar. A semana pasada, o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, xunto cos representantes da empresa adxudicataria e a edila de Igualdade, Victoria Montenegro, asinaron o novo contrato, que contará cun orzamento base de 4.090.152,64 euros impostos incluídos para os seguintes 4 anos, coa posibilidade de prorrogalo dous exercicios máis (4+2) ata chegar aos 6 millóns de euros.

Este novo contrato supón un forte cambio con respecto ao anterior período de 2016-2021, contando con incrementos en todos os puntos que o constitúen: aumenta en máis dun 50 % o orzamento en comparación co contrato previo, tamén se amplía o número de traballadores de 33 a 63 e haberá unhas 23.000 horas/ano máis de prestación, pasando de 37.000 a 60.000 horas por anualidade entre as modalidades de libre concorrencia e dependencia, estas últimas designadas en base ás estimacións de demanda do Sistema Galego de Atención á Dependencia da Xunta.

Para Victoria Montenegro, concelleira de Benestar e Igualdade, o SAF convértese “nun instrumento de traballo esencial, a principal ferramenta para evitar, por exemplo, que as persoas maiores non se teñan que trasladar fóra dos seus fogares, co impacto psicolóxico que iso ten neles”. Dende a súa área, resáltase que a maior parte dos esforzos se dedican “ó proceso de trámites dende o SAF municipal [as horas de libre concorrencia]”, aplicando unha xestión áxil para que “a tramitación estea á menor brevidade e poidamos dar resposta á demanda nunha semana ou ata en días”.

Co novo contrato, o SAF percibirá unha notable mellora que axudará a garantir os dereitos das persoas en situación de dependencia e promover a súa permanencia nun entorno de convivencia habitual, amais de potenciar a autonomía persoal no domicilio e a recuperación das redes de relacións familiares e sociais.

O Servizo prestará atención ás actividades básicas da vida diaria como os apoios á mobilización dentro do fogar (levantarse e acostarse na cama, traslado de posición, cambios posturais…), axudas no coidado e hixiene persoal, supervisións na rutina de administración de medicamentos, axudas para vestido, calzado e alimentación…, entre outras actuacións.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Ares principia coa tempada de Nadal

As familias aresáns uníronse para decorar e iluminar a árbore próxima á Ponte da Ciscada durante a tarde de onte, e foi un momento cargado