A Casa Rectoral acolleu con grande interese a finalización das sesións formativas da campaña municipal de biorresiduos, nas que tanto a veciñanza como profesionais do sector hostaleiro local se deron cita para sumar ideas, trucos e hábitos sostibles na cociña.
Durante os obradoiros, as persoas participantes compartiron trucos prácticos e receitas de aproveitamento para sacar o máximo partido aos alimentos, conservar mellor os produtos perecedoiros e evitar que comida en bo estado remate de xeito innecesario no lixo. Unha aprendizaxe útil e aplicable tanto nos fogares como nos establecementos hostaleiros da vila.
Esta actividade súmase ao conxunto de iniciativas que o Concello de Ares vén impulsando xunto á cidadanía e á hostalaría local, como DegustAres, MercAres, os Showcookings ou o traballo cos Grandes Produtores, para estender o uso do colector marrón, fortalecendo a aposta colectiva pola prevención de residuos, a economía circular e o consumo responsable.
O proxecto enmárcase na estratexia municipal de mellora da xestión dos residuos e conta con cofinanciamento da Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027.
Moitas grazas a todas e todos os asistentes polo voso compromiso e entusiasmo para facer de Ares un municipio cada día máis sostible e respectuoso co medio ambiente!























