Con entrada libre e inscrición totalmente gratuíta via telemática, o salón de actos da Alianza Aresana transformarase en espazo de debate e reflexión o luns, 25 de novembro.
‘Violencia de xénero: perfil profesional, habilidades de intervención e autocoidado’ é o nome que recibe toda a xornada, a desenvolver en horario de mañá e de tarde, con 4 ponencias e 1 mesa redonda.
A Concellaría de Igualdade e Benestar, xunto co Centro de Información á Muller (CIM) de Ares, vén de presentar toda a programación municipal que se organizará polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A vila converterase en espazo de diálogo e intercambio de opinións de diferentes expertos e expertas na materia a través da xornada divulgativa “Violencia de xénero: perfil profesional, habilidades de intervención e autocoidado”, integramente promovida no salón de actos da Alianza Aresana.
Durante o mesmo luns, 25 de novembro, dende xa primeira hora da mañá (10:15 h.) ata o peche da tarde (18:30 h.), psicólogos, asesores xurídicos ou traballadores sociais abordarán diferentes temáticas especializadas, dende procesos de intervención xurídica ou psicolóxica con vítimas de violencia de xénero a formas de aplicar o autocoidado do persoal profesional que trata día a día cunha temática tan sensible.
Así, serán 4 ponencias e 1 mesa redonda coa que a veciñanza poderá aumentar o seu coñecemento na situación actual da violencia de xénero.
O acto inaugural (10:30 h.) correrá a cargo do Alcalde do Concello de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo; a Subdelegada do Goberno de España en A Coruña, María Rivas López, e a concelleira de Benestar e Igualdade, Victoria Montenegro Paz. Posteriormente arrancarán xa as intervencións dos e das expertas, achegándose á violencia de xénero dende perspectivas multidisciplinares.
A asistencia ás charlas precisará de reserva previa vía telemática, cubríndose as prazas seguindo a orde de entrada das solicitudes de participación. As inscricións son totalmente de balde e só é necesario cubrir a seguinte ligazón: https://forms.office.com/pages/responsepage.aspx?id=fJQgsNq62kKn1rZrS7zRKsO7EdKEaLlNnn2gl-hiVrJUNFRORkJMUjBaUTQ2TUtIWERQN1pUQUQwVi4u&route=shorturl
De igual xeito, habilitáronse os seguintes números de teléfono para a resolución de dúbidas: 633 230 054 – 613 196 841.