Nenos e nenas do CPI As Mirandas achéganse ao Concello para pensar o turismo de Ares dende a óptica da infancia

Comparte esta nota de prensa

Recibiuse esta mesma mañá no consistorio de Ares unha delegación especial: preto de 70 alumnos e alumnas de 1º de Primaria do CPI As Mirandas visitaron as instalacións do Concello para coñecelo, aprender como se desenvolve a institución no día a día e falar coa concelleira de Turismo, Lucía Blanco, que os atendeu e lles fixo unha petición particular.

Blanco convidou aos pequenos a resolver unha cuestión: que espazos de Ares son importantes para eles? Como podemos contarlle a un amigo que nunca estivo na vila o seu valor, os lugares que ten que visitar? Esas dúas preguntas son as que traballarán na aula co seu profesorado, de cara a crear un tríptico no que se incorporen as súas ideas, dando unha visión do municipio dende a óptica da infancia. Os parques, as praias, a Praza da Constitución co seu palco… son algúns dos espazos que xa resoaron na visita da rapazada.

A expedición do CPI As Mirandas levounos até o salón de plenos da casa consistorial, onde a edila de Turismo lles explicou que decisións se toman neste epicentro de representación do pobo de Ares e que fai cada concellaría coa súa área de traballo.

Houbo tempo tamén para formular dúbidas dende os máis pequenos, como o porqué dos nomes das rúas, continuando co proxecto que xa desenvolveron previamente de percorrer o casco urbano de Ares para identificar certas vías ou lugares de interese, aproveitando o rueiro municipal que lles entregaron na Oficina de Información Turística  do Concello.

Foi no propio salón de plenos onde Blanco lles achegou a súa petición para que entre todos poidan elaborar os trípticos e presentarlle ese abano de ideas sobre os sitios con maior interese turístico da vila. Un xeito de fomentar a participación dos pequenos e pequenas en Ares!

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Ares principia coa tempada de Nadal

As familias aresáns uníronse para decorar e iluminar a árbore próxima á Ponte da Ciscada durante a tarde de onte, e foi un momento cargado