A veciñanza e visitantes déronse cita onte na praza da Constitución para gozar dunha nova edición da festa do Samaín, organizada polo Concello de Ares, a través da súa Concellaría de Cultura, que encheu a vila de disfraces, outono e ledicia compartida entre cativos e maiores.
Dende as 17:00 horas, a programación infantil e familiar despregou un amplo abano de propostas:
- A tradicional castañeira, con degustación de castañas quentes para festexar o outono.
- O túnel do terror e as camas elásticas, que fixeron as delicias da rapazada máis aventureira.
- Música ambiente con animación e o divertido photocall da S.C. O Tilo para inmortalizar a xornada.
- O concurso de cabazas, no que a creatividade e a imaxinación foron as grandes protagonistas.
A festa completouse con concorridos obradoiros creativos, onde as pequenas e pequenos elaboraron os seus propios imáns terroríficos, chapas personalizadas de Samaín e experimentaron coa caracterización de feridas de fantasía.
Deste xeito, Ares reafirma a súa aposta por combinar a dinamización lúdica coas tradicións propias destas datas, brindando un punto de encontro acolledor para gozar en comunidade dunha das festas máis agardadas polos máis pequenos.
Dende o departamento de Cultura agradecen a magnífica participación de todas as familias asistentes, así como o traballo e a implicación da S.C. O Tilo e de Protección Civil de Ares no desenvolvemento desta cita!








































































