A subvención conseguida foi tramitada polo Concello ante Turismo da Xunta, a través das liñas de axudas provenientes dos Fondos Europeos Next Generation, en concreto, a destinada a conseguir a “Transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral”.
Con esta axuda, cuxo importe ascende a 71.990,39 euros, executarase a intervención proxectada desde o Concello, o que supón un investimento total que ascende a 79.989,32 euros, sufragando os fondos municipais o importe restante.
A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, anunciou esta semana a excelente noticia, sinalando que a intervención no lugar de As Salgueiras permitirá embelecer o litoral da enseada da praia de Chanteiro e recuperar o camiño que comunica a propia praia co importante centro histórico das baterías da punta do Segaño.
Marcos explicou que “a través da intervención rehabilitaranse espazos singulares na costa con importantes focos de vistas paisaxísticas, conseguindo unha mellora da fachada turística”.
En canto aos aspectos técnicos, o primeiro tramo obxecto de intervención é o que se atopa despois do tramo de formigón impreso cor albero e, por tanto, o que leva ao comezo da senda peonil. Este tramo está moi deteriorado e soporta tráfico rodado pois dá acceso a vivendas, polo que se solucionará aplicando un triple rego reparador. O tramo obxecto da actuación ten unha lonxitude de 240 metros e un ancho de 4,5 metros.
O segundo tramo sobre o que se actuará, a senda peonil, executarase cun pavimento de terra estabilizada (terra-cemento) sen achega de material, utilizando a propia pedra da zona, e creando unha base drenante natural. Este segundo tramo conta cunha lonxitude de 480 metros e un ancho de 1,5 metros. Ademais, cada 50 metros desta senda, instalarase un banco e unha papeleira onde poder gozar da impoñente fachada marítima natural.
Desta forma conseguirase conectar dous importantes puntos de interese ambiental e turístico, como son a praia de Chanteiro, a única de mar aberto da localidade, e as históricas baterías militares do Segaño, creando novos atractivos turísticos a través da creación de novos roteiros polas zonas verdes. Coa intervención tamén se logrará a restauración ambiental da zona, a través da senda peonil, que permitirá o mantemento da costa e do turismo sostible.
Esta nova intervención en Chanteiro súmase ás obras de urbanización do camiño do Cruceiro e do camiño Real, recentemente iniciadas e que contan cun investimento de 47.531 euros, con cargo a Agader.
Olimpia Marcos enfatizou que todas estas obras son un claro exemplo da aposta continua do Concello por mellorar as infraestruturas e servizos para o beneficio da veciñanza, ademais do reflexo do compromiso polo desenvolvemento equilibrado e sostible, en consonancia sempre coa conservación do patrimonio natural de cada zona.