A concelleira de Deportes, Noelia Montero, inaugurou onte o novo equipamento deportivo ó aire libre e aludiu ó cumprimento “dunha demanda constante por parte de moitos colectivos e clubs do municipio”.
Todo listo no pulmón verde do núcleo urbano de Ares, o parque Rosalía, para que a veciñanza poida desfrutar da área de calistenia que vén de instalar o Concello, xa inaugurada onte mesmo coa presenza da edila de Deportes, Noelia Montero.
O parque de calistenia, o primeiro da súa condición en todo o termo municipal, é unha infraestrutura fundamental para exercitarse co emprego do propio corpo, pero tamén para mellorar a flexibilidade, obter maior forza funcional ou contrarrestar os desequilibrios musculares, sempre co foco posto en fomentar os hábitos saudables na poboación.
Aproveitando a súa estrea e posta a disposición de veciños e veciñas, Noelia Montero destacou a importancia de “cumprir cunha demanda que recibimos de maneira constante por parte dos deportistas e clubs locais”, ademais “respondendo ao interese do goberno municipal de achegar unha boa oferta de espazos de deporte ó aire libre tanto na vila coma nas parroquias”.
De feito, a área de calistenia complementa a actual infraestrutura biosaúdable do concello, ampliada nos últimos anos ata acadar os 8 espazos actuais que se destinan a tal uso.