Ares inaugura a exposición #SomosQuen: Científicas preto de ti!

Comparte esta nota de prensa

Alma Barrón, Olimpia Marcos e José Juan Vilar, concelleiros da localidade, veñen de inaugurar esta mañá a exposición “#SomosQuen: Científicas preto de ti!”na entrada da Alianza Aresana. A mostra, que chega grazas á colaboración co Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, debulla a experiencia de varias investigadoras do CiTIUS ao longo da súa carreira académica.

Conformada por múltiples paneis, supón toda unha oportunidade para entender a labor científica que se realiza no centro de investigación tecnolóxica, pero tamén para motivar a rapazas e nenas a iniciarse no mundo da academia, facendo máis atractivo o feito de ser muller e investigadora.

“Se cres que a ti tamén che faría feliz dedicarte á ciencia, adiante! Non hai ninguna pregunta máis importante que facerse”; “A separación entre ser de letras e ser de números é baldía. A investigación precisa especialmente persoas que sexan curiosas, imaxinativas, e sintan amor polo coñecemento” son dúas das diferentes mensaxes que se poderán ver ata o 2 de decembro nas instalacións municipais.

A exposición conta coa participación de Paula López, directora adxunta do CiTIUS, e das investigadoras Dora Blanco, Mariña Canabal, María José Carreira, Ledicia Díaz, Iria de Dios, Faranak Karimpour, Celia Outes e Silvia Rodríguez.

Pódeche interesar