A fachada do Centro Público Integrado (CPI) As Mirandas loce xa cun novo reloxo de sol, inaugurado onte por todos os axentes que se involucraron nesta iniciativa e que pousaron baixo o lema inscrito na pedra do propio reloxo: ‘Sol lucet omnibus’, o sol loce para todos.
O alumnado implicado no proxecto, acompañado da dirección do centro educativo e representantes da ANPA, explicou o seu funcionamento e a súa relevancia na medición do tempo, amais do proceso que levaron a cabo para atopar as palabras latinas que conforman o lema.
Xunto a eles estiveron o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo; a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos; o concelleiro de Educación, Luis Cendán; a presidenta da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, entidade que donou o reloxo ao CPI As Mirandas, Celsa Formoso, e Lorenzo Capllonch, o artista que o deseñou.
Dende o centro público debullan o seu simbolismo: un reloxo solar para lembrar a conexión entre o tempo, a natureza e a humanidade, mais tamén un convite a reflexionar sobre a fugacidade dos momentos e a eternidade do coñecemento.