Ares reivindica un transporte público de calidade

Comparte esta nota de prensa

A recuperación das liñas suprimidas, o cumprimento dos horarios e a mellora integral do servizo configúranse coma as principais demandas dunha problemática estrutural e que afecta a toda a comarca.

Os 11 concellos que organizaron conxuntamente a concentración de onte en defensa do transporte remitirán á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade as sinaturas recabadas nos últimos meses; 1042 no tocante a Ares.

Diante da casa consistorial da localidade, veciñanza e representantes municipais concentráronse ao peche da tarde de onte co foco posto nas deficiencias vixentes no transporte metropolitano comarcal. O Concello materializou así a convocatoria simultánea promovida pola propia localidade aresán, xunto con Pontedeume, Cabanas, A Capela, As Pontes, Fene, Ferrol, Miño, Monfero, Narón e Neda; 11 municipios nos que, ao mesmo tempo, se defendeu a necesidade de mellorar un recurso fundamental para que a ciudadanía acceda a servizos básicos en igualdade de condicións, independentemente do seu lugar de residencia.

Preto das 20:30 horas, arrancou a lectura do manifesto por parte da tenente-alcalde, Alma Barrón, facendo un repaso a unha problemática que se estende dende o ano pasado ata a actualidade, con constantes queixas por parte dos usuarios habituais nas liñas xestionadas por UTE Hércules Norte.

Os incumprimentos de horarios establecidos pola propia UTE, a supresións de paradas e a carencia de reforzos convertéronse en tónica xeral dende o cambio da empresa prestataria do transporte. Eses son, tamén, os eixos reivindicativos desta concentración.

“Ante esta caótica e lamentable situación, gran parte dos Concellos afectados reunímonos co obxectivo de facer unha petición de resolución inmediata deste conflito. Demandamos que se cumpran as condicións do servizo de transporte interurbano de xeito inmediato, tal e como establece o contrato licitado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade”, expuxo Barrón, durante a lectura do manifesto.

O Concello de Ares, xunto co resto de entes municipais que integran a convocatoria simultánea, dará traslado á Consellería das sinaturas recollidas conxuntamente nos últimos meses, que avalan a petición e loitan contra o illamento comarcal que supón a actual situación do transporte.

1042 SINATURAS DENDE ARES

As sinaturas que remitirá o Concello de Ares á Consellería ascenden a 1042, recollidas nos últimos meses entre veciñanza, usuarios e usuarias das liñas de buses e outros afectados.

Dende a área de Mobilidade do Concello, dirixida por Lucía Blanco, defenden que estas sinaturas “exemplifican non só o descontento e insatisfacción da cidadanía, senón a existencia dun problema estrutural na xestión do servizo por parte da empresa adxudicataria. Un servizo que está afectando a escolares, a veciños e veciñas que viven no rural ou mesmo a persoas que precisan del para acudir a centros de traballo”.

Lucía Blanco aproveitou a concentración para manifestar “que non se cumpre nin sequera co compromiso de comunicar previamente os axustes nas liñas. Os concellos temos que estar constantemente pendentes dos cambios nas frecuencias a través da web da empresa, que se desentende de informar debidamente e con responsabilidade á veciñanza. Necesitamos establecer unha comunicación estable entre a Consellería e os municipios”, concluíu a concelleira de Mobilidade de Ares.

 

Pódeche interesar