O sábado, 11 de xuño, ás 11:00 horas, a Alianza Aresana acollerá a presentación das “Sereas das Mirandas”, un proxecto pioneiro en Galicia para achegar a práctica do remo e facilitar o acceso aos beneficios do deporte.
A iniciativa vén de materializarse tras a unión de esforzos entre o Concello, a Universidade de Sevilla, o Club de Remo da localidade e o grupo das Leonas de Guadalquivir.
O municipio de Ares porá en marcha nas próximas xornadas un proxecto de marcado carácter social e innovación deportiva: o equipo das “Sereas das Mirandas” é o nome que recibirá o grupo de mulleres afectadas polo cancro de mama que se animen a practicar o rempo adaptado ás particularidades da súa doenza. A iniciativa presentarase oficialmente a veciñanza e asociacións interesadas o próximo sábado, 11 de xuño, ás 11:00 horas, nun acto público e aberto.
Así, as Sereas das Mirandas converteranse nun exemplo de como o exercicio físico pode recuperarse tras superar esta enfermidade, sempre a partir de exercicios adaptados e a necesaria supervisión médica e profesional. A iniciativa pretende achegar unha nova forma de entender a loita contra o cancro de mama a partir dos beneficios físicos e mentais que produce o deporte, aumentando a flexibilidade, a tonificación muscular e ata a ruptura de prexuízos e estereotipos arredor das mulleres afectadas polo cancro.
Este proxecto de rehabilitación faise realidade grazas á colaboración e coordinación do Concello, da Universidade de Sevilla (US), do Club de Remo de Ares e do grupo das Leonas de Guadalquivir, mulleres pioneiras en coñecer a incidencia positiva do remo adaptado, potenciando as zonas máis vulnerables e combatendo dende o colectivo a desesperanza, os medos e o desánimo.
UNHA INVITACIÓN OFICIAL PARA TODA A COMARCA
O acto do sábado, 11 de xuño, será o lanzamento oficial do proxecto, mais tamén un evento para explicar e contextualizar os obxectivos, necesidades e orixe das Sereas das Mirandas, que beben das investigacións realizadas polo doutor en Ciencias do Deporte da Universidade de Sevilla, Juan Gavala, dentro da iniciativa das Leonas do Guadalquivir.
É fundamental destacar que o equipo das Sereas non ten un carácter competitivo, senón que se centra en fomentar a accesibilidade do deporte ás mulleres afectadas polo cancro de mama, primando a progresión e a rehabilitación despois dos tratamentos máis duros de radioterapia e quimioterapia. O proxecto, ademais, irá máis aló de Ares: abrirase a toda a área sanitaria da comarca.
No acto do sábado, estarán presentes vía telemática varias remeiras das Leonas do Guadalquivir para explicar como lles afectou positivamente, tanto a nivel físico como mental, a práctica deportiva adaptada; Juan Gavala, como coordinador e investigador da Universidade de Sevilla; Noelia Montero, concelleira de Deportes; Victoria Montenegro, concelleira de Saúde, e Jose Montero Vilar, en representación do Club de Remo de Ares.