Arrancan as obras de rehabilitación do segundo edificio das Escolas do Lago

Comparte esta nota de prensa

Executarase unha renovación integral do conxunto arquitectónico, intervindo en cubertas, tabiquería interior, pavimentos, electricidade, aseos ou pintura, entre moitos outros elementos.

Os traballos tradúcense nun investimento de 273.073,06 euros para reformar a infraestrutura inaugurada en 1955 cun deseño do arquitecto Rodolfo Ucha.

A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar hoxe mesmo do inicio das obras de rehabilitación do segundo edificio das Escolas do Lago, un ambicioso proxecto para mellorar notablemente un espazo central na historia de Ares, de orixe indiana e con deseños do famoso arquitecto Rodolfo Ucha.

O conxunto arquitectónico contará nas próximas semanas con intervencións nun gran número dos elementos que o compoñen. Unha actuación completa, coma a realizada anteriormente no edificio contiguo que conforma a mazá das Escolas do Lago, xusto ao outro lado do patio, e que mellorará a cuberta, a tabiquería interior, os falsos teitos, a fontanería, os aseos, os pavimentos, a electricidade, a pintura ou os sistemas de calefacción.

Todos estes elementos reforzan a idea da intervención coma unha renovación integral, na mesma liña que a executada no edificio contiguo. Iso si, manterase a volumetría e a orixe arquitectónica da edificación, respectando a distribución da escola no pasado, cunha división en dúas salas para impartir as diferentes sesións educativas (unha destinada ós nenos e outra ás nenas) e un corpo de aseos que daba ao patio da parcela. Con todo, na actualidade empregarase para usos sociocomunitarios.

Os traballos implicarán un investimento de 273.073,06 euros con cargo ao Fondo de Cooperación para concellos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), grazas a que Ares foi un dos 9 concellos de toda Galicia cuxos proxectos resultaron beneficiarios deste instrumento que a Xunta pon a disposición das administracións locais.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, relacionou o arranque destes traballos “co próximo inicio da casa Rectoral, a recente reforma do local de Seselle, a mellora do pavillón polideportivo… múltiples obras que poñen sobre a mesa a liña de rehabilitación e impulso de edificios municipais para que a cidadanía teña novos espazos para a vida cultural e o lecer”.

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,