Centraranse na renovación da rede de saneamento, pluviais e de abastecemento, amais de materializar obras civís no alumeado, electricidade e telecomunicacións.
A intervención supón un investimento próximo aos 100.000 euros, asumidos entre o Concello e o POS+2022 da Deputación da Coruña.
A Concellaría de Urbanismo informou hoxe mesmo do inicio das obras nun tramo da rúa Os Anxos, que abrangue dende o cruce da rúa San Xosé até a altura da rúa Irmáns Bugallo. Trátase dunha actuación que mellorará os servizos e os pavimentos e que se configura como outra das importantes intervencións urbanísticas que se realizarán dentro do Plan Único da Deputación da Coruña en Ares.
O investimento da actuación está composto de 79.735,16 euros achegados polo ente provincial e 19.933,79 euros asumidos polas arcas municipais. Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo de Ares, contextualizou o que supón a obra: “é unha continuación da nosa estratexia para humanizar e mellorar os servizos do casco urbano de Ares, e que ademais ten que poñerse en relación coa outra actuación urbanística na rúa San Xosé”.
Segundo o proxecto técnico, nas obras que veñen de arrancar no tramo da rúa Os Anxos producirase unha renovación da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de agua, levándose a cabo tamén obras civís no alumeado, na electricidade e nas telecomunicacións.
A maiores, cubrirase a rúa cunha capa de rodadura con aglomerado, eliminando así as irregularidades do firme existente e poñendo fin ao seu estado de deterioro, instalarase un pavimento de loseta hidráulica similar á actual e realizarase a sinalización horizontal en todo o ámbito de actuación.
A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, tamén adiantou próximos proxectos do Concello: “avanzaremos na humanización da Rua Fomento, pero tamén executaremos a seguinte fase do Porto na Rúa Caramanchón e a Rúa Mártires”.