Tras a instalación, a veciñanza poderá desfrutar dunha infraestrutura para a práctica deportiva ó aire libre, atendendo unha demanda constante por parte dos deportistas locais.
Nestes últimos días, a Concellaría de Deportes vén de informar do inicio das obras relacionadas co parque de calistenia que adquiriu a institución local, unha estrutura que se está instalando nas inmediacións do Parque Rosalía composta por un conxunto de barras para realizar movementos e repeticións. A área de calistenia é fundamental para traballar co corpo e fornecer as extremidades, ombros e costas, e ademais complementará a actual oferta de infraestrutura biosaúdable do municipio.
Este primeiro parque de calistenia de Ares permitirá exercitarse co emprego do propio corpo sen importar idade e estado de forma, sempre e cando se realice unha correcta rutina de exercicios. Entre os seus principais beneficios, destaca a mellora da flexibilidade, a obtención de maior forza funcional e a posibilidade de contrarrestar desequilibrios musculares.
Unha aposta continua polo deporte ao aire libre
Asimesmo, a incorporación desta infraestrutura pública tamén responde ó interese do goberno municipal de achegar o maior número de espazos de deporte ó aire libre a todos os puntos de Ares, tanto no núcleo urbano da vila coma no conxunto das parroquias.
O esforzo continuo vén materializándose nos últimos anos coa paulatina instalación de parques biosaúdables na contorna municipal, ata acadar as 8 áreas destinadas a tal uso e ás que se suma na actualidade o novo espazo que incorpora o parque de calistenia.