As Sereas das Mirandas, o primeiro equipo de remo terapéutico a nivel galego, arranca coa súa actividade

Comparte esta nota de prensa

Esta mesma semana, as mulleres que forman parte desta iniciativa de rehabilitación física e mental coñeceron a tipoloxía de embarcación que empregarán, un catro de mar, e iniciaron os exercicios nos ergómetros.

As instalacións do Club de Remo de Ares acolleron nestas últimas datas unhas xornadas especiais: tanto este martes, 9 de agosto, coma durante a mañá de hoxe, xoves 11, as mulleres que xa integran as Sereas das Mirandas viviron as primeiras sesións de entrenamiento deste equipo de remo adaptado ós condicionantes do cancro de mama.

Os dous días serviron principalmente para ver as particularidades da embarcación na que realizarán a práctica deportiva, con catro postos para as remeiras e unha para a patrona, e que permite realizar un esforzo simétrico cos brazos á hora de remar. A maiores, as Sereas das Mirandas entraron en contacto o martes e este xoves cos ergómetros e recibiron as primeiras pautas vencelladas co seu acondicionamento físico da man do que será o seu monitor, Miguel Piñeiro.

Á presentación levada a cabo o martes asistiu Noelia Montero, concelleira de Deportes, acompañada de José Martínez, ‘Peli’, do Club de Remo de Ares. Foi tamén un momento para contextualizar o proxecto, facendo fincapé no seu nacemento coma un equipo non-competitivo e que prioriza a rehabilitación das mulleres con antecedentes oncolóxicos.

Por iso, as remeiras contarán con supervisión médica, de cara a ver a evolución da súa condición ao longo do tempo, e sempre baixo os estudos e metodoloxías impulsadas polo investigador Juan Gavala, da Universidade de Sevilla (US), a terceira pata deste proxecto xunto co Concello de Ares e o Club de Remo.

UNHA INICIATIVA ABERTA Á COMARCA

Aproveitando o inicio da actividade do equipo, a concelleira de Deportes, Noelia Montero, afondou nunha das máximas das Sereas: “desexamos contribuir non só á contorna de Ares, senón a toda a comarca; que sexa unha oportunidade para moitas mulleres de Ferrolterra de beneficiarse do remo adaptado”.

A maiores, Montero salientou que as Sereas das Mirandas promoven unha dobre mellora: por unha banda, física, asociada á recuperación do corpo, e pola outra, mental. “O equipo converterase nunha rede de apoio, unha rede entre as persoas con doenza oncolóxica que achegará cousas distintas ás que poidan aportar un experto oncolóxico ou un entrenador de remo”, en palabras da edil de Deportes.

Finalmente, dende a súa Concellaría tamén agradeceron a boa acollida que tiveron as Sereas das Mirandas no tecido da vila, algo fundamental para que prospere no tempo.

Pódeche interesar