O equipo que vén de presentarse este sábado en Ares, o primeiro desta tipoloxía en toda Galicia, aposta por ofrecer un espazo onde as afectadas pola doenza poidan beneficiarse da mellora física e, sobre todo, psicolóxica do deporte colectivo.
A Alianza Aresana acolleu este sábado pasado a presentación oficial das Sereas das Mirandas, o proxecto que nace como unha rede de apoio e unha oportunidade para a práctica deportiva supervisada, de calidade e adaptada ás mulleres que están en proceso de recuperación tras o cancro de mama. O evento converteuse así no lanzamento e contextualización da iniciativa á sociedade, tanto ao tecido asociativo como aos interesados pola práctica do remo en todas as súas modalidades e innovacións.
Presentes no acto estiveron todos os promotores das Sereas: o Concello, co alcalde de Ares, Julio Iglesias, e a concelleira de Deportes, Noelia Montero, amais do resto de integrantes do goberno local; o Club Remo de Ares, a través de Jose Montero, e a Universidade de Sevilla (US), co investigador Juan Gavala.
Ademais, os asistentes puideron comprobar xa nos primeiros compases da presentación as posibilidades reais de consolidar un equipo de remo destas características: as Leonas do Guadalquivir sumáronse á presentación dende o propio río sevillano, retransmitindo en directo parte do entrenamento das dúas embarcacións dispoñibles.
Precisamente o alcalde de Ares, Julio Iglesias, na súa introdución, contextualizou o inicio das relacións entre todas as entidades involucradas: como a traineira do Club Remo de Ares, previa invitación dende Sevilla, chegou a navegar polas augas do Guadalquivir e comprobar a materialización da iniciativa das Leonas. “Fomos testemuñas dun programa innovador só practicado en Sevilla e Málaga. E pensamos que era posible facelo en Ares, e aínda máis ao longo de toda a costa de Galicia, cunha afición ao remo tan consolidada”, salientou o rexedor aresán.
Como investigador da Universidade de Sevilla (US) e un dos axentes implicados nas Leonas, Juan Gavala afondou nas súas investigacións centradas no patrón de movementos do barco dragón, cunha amplitude moito maior que, por exemplo, o que precisan as embarcacións de remo.
Unha nova concepción do cancro de mama
Apoiado noutros artigos académicos que defendían o impacto positivo do deporte na recuperación da doenza, Gavala formulou a proposta dun remo supervisado, adaptado a cada nivel, baseado na evidencia científica e, en esencia, que fose da man dunha concepción menos restrictiva do cancro de mama. Destas máximas emerxeron as Leonas do Guadalquivir e as Dragonas de Málaga, os dous exemplos dos que beben as Sereas das Mirandas e que poñen enriba da mesa os beneficios, contrastados cientificamente, do remo adaptado.
Foi Ángela Claverol, remeira das Leonas, a que explicou a súa propia experiencia persoal co remo adaptado: “logrou cambiar a miña perspectiva vital. Permitiu volver a pensar que é posible ter unha vida máis ou menos normal: volver a vivir”. O remo, en realidade, era secundario: o fundamental era ver como axudaba a diminuír o tratamento médico e, sobre todo, comprobar a mellora psicolóxica que supoñía remar. Tamén Carmen
Chao, integrante do equipo sevillano de remo, alentou a sumarse ao proxecto das Sereas, malia os reparos iniciais que puidera haber.
Jose Montero, ‘Peli’, afondou nos próximos pasos das Sereas das Mirandas. “Estamos cunhas ganas enormes de facer isto realidade. Mañá (polo domingo) chega o barco, temos os monitores preparados… Todo está listo para que vos lancedes a remar independentemente da idade. É unha práctica deportiva que se pode acometer dende os 30 anos ata os 70”, declarou o representante do Club de Remo de Ares, e ademais cunha finalidade non-competitiva.