A concelleira de Deportes de Ares, Noelia Montero, e os monitores da Fundación organizaron o acto de peche dos adestramentos, que se desenvolveron con normalidade ao longo de toda esta semana.
O campo de Prados Vellos acolleu un ano máis a clausura da programación deportiva que promoveu a Fundación Celta de Vigo durante todas as mañás da semana nestas mesmas instalacións municipais. O evento puxo así punto e final ao conxunto de adestramentos para nenos e nenas de 4 a 16 anos coa presenza de Noelia Montero, concelleira de Deportes, e os monitores do club olívico.
No acto de clausura, Noelia Montero agradeceu a todos os implicados, dende a Fundación á Federación Galega de Fútbol, a súa labor para materializar un ano máis a posta en marcha do evento formativo en Ares. “É moi boa nova que poidamos continuar durante tantos anos cun campus así no noso municipio, porque nutre tanto aos xogadores coma aos monitores-adestradores”, salientou Montero. Tamén agradeceu especificamente á SDR Numancia de Ares a súa predisposición e colaboración na iniciativa.
O Campus incluíu un programa de adestramentos no que se establecían diferentes xogos, todos eles combinados coa mellora técnica e a aprendizaxe de valores relacionados co deporte, como a superación, o traballo en equipo ou o compañeirismo. En esencia, configúrase xa coma unha ferramenta estable en Ares para achegar coñecemento futbolístico e apoiar a conciliación laboral das familias.