Comezan as obras de reforma do local de Seselle

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Urbanismo informa de que no día de onte deron inicio os traballos de adecuación do edificio, que se habilitará para usos sociocomunitarios.

A execución do proxecto supón un investimento de 290.000 euros, derivados do convenio asinado polo Concello co Instituto Galego de Vivenda e Solo.

A área municipal Urbanismo vén de anunciar que no día de onte deron comezo os traballos no local con pista de Seselle, o que suporá a reforma desta edificación de planta baixa, actualmente nun estado construtivo primitivo, para destinalo a usos sociocomunitarios.

A intervención iniciada onte implica a creación no local dun espazo para o seu emprego sociocomunitario, aproveitando a actual estrutura, con interiores inacabados e instalacións escasas, para a súa recuperación.

Deste xeito, a reforma do edificio outorgará un novo uso á estrutura, dotando dúas salas de emprego múltiple e baños con ducha. Os traballos mellorarán os teitos, a pavimentación do chan, as fachadas ou o sistema de acondicionamento ambiental, entre outros elementos.

O orzamento da actuación ascende aos 290.041,24 euros, postos a disposición do Concello polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, para que o organismo municipal poida devolvelos ao longo de oito anualidades, sen xuro algún.

Esta fórmula de investimento vén dada xa que Ares é un dos 9 concellos de toda Galicia cuxos proxectos resultaron seleccionados para beneficiarse do instrumento de cooperación da Xunta. Os proxectos foron elixidos en función do seu interese e a acreditación do cumprimento dos requisitos fiscais esixidos.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, resaltou a importancia desta actuación posto que “Seselle non conta na actualidade cun espazo de lecer nin de xuntanza da veciñanza” e por iso “consideramos fundamental

recuperar este local, que tamén ten un valor simbólico. Era precisamente na súa pista onde se producían as festas populares da contorna; tiña un claro emprego social, deportivo e cultural”.

Os traballos de reforma do edificio, segundo Marcos, “achegarán á mocidade, ás persoas maiores e á veciñanza en xeral de Seselle un lugar de referencia para o ocio, o lecer e o esparcimento”.

Pódeche interesar