Concello e CPI As Mirandas entregan os premios do IV Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares

Comparte esta nota de prensa

Aproveitando a efeméride do Día do Libro 2024, o salón de actos da Alianza Aresana acolleu na tarde de onte a entrega de galardóns do Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares, un certame literario que xa vai pola cuarta edición e que expón os vencellos entre a comunidade educativa de Ares, a mocidade do municipio e a administración local.

Así, tras a deliberación arredor dos 96 textos presentados polo alumnado, divididos en dúas modalidades (Primaria e ESO), o xurado decidiu outorgar o primeiro premio a Lara Vidal Díaz, polo seu microrrelato ‘O corredor’ dentro da categoría de Primaria, e a Fuhao Zheng por ‘O dilema, na clasificación da ESO. Ambos recibiron o premio dunha tablet/ebook.

A maiores, o xurado tamén designou aos segundos clasificados de cada categoría, recibindo neste caso un lote de libros coma galardón. O texto ‘O asasino do soto’, de Natalia Filgueira Kempa, conságrase coma finalista desta edición en Primaria e ‘Anxos e Demos’, de Jorge Pena León, dentro da modalidade da ESO.

Dende a Concellaría de Cultura resaltaron a boa acollida que recibe o certame literario ano tras ano na vila, sempre superando os máis de 90 relatos, e parabenizaron tanto aos gañadores e finalistas como á mocidade que se animou a presentarse, ao entender que é unha maneira de incentivar a expresión artística dos rapaces e rapazas, conectándose co eido literario.

O xurado estivo conformado por Rocío Pena, Conchi Cambeiro, Yolanda Castro, docentes no CPI As Mirandas, e Alma Barrón, edil de Cultura na localidade, tomando coma referencia á hora de valorar os microrrelatos a orixinalidade da temática, a claridade da mensaxe e a estrutura, así como os trazos estilísticos na escrita, entre outros criterios.

Pódeche interesar