“Divás de Diván” en Ares: unha actuación sobre o pracer, os desexos e a sexualidade galega

Comparte esta nota de prensa

A Alianza Aresana acollerá este mesmo venres, ás 20:00 horas, este espectáculo de Tarabela Creativa para adultos/as da localidade que, ademais, se pon en relación coa programación municipal para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller.

Terá entrada libre ata completar o aforo do salón de actos.

A Concellaría de Cultura da localidade, en colaboración coa Deputación da Coruña, programa un novo evento para recibir coma se merece a fin de semana en Ares. O salón de actos da Alianza Aresana acollerá este venres, 3 de marzo ás 20:00 horas, a representación de “Divas de Diván”, un espectáculo realizado pola compañía Tarabela Creativa e que conta coas intervencións de Vero Rilo, Angeles Goás e Carmen Conde.

Serán elas tres as que se arrexunten arredor dunha mesa, compartindo comida e bebida, para narrar historias da erótica de Galicia; contos que afondan no desexo e no pracer, seguindo o esquema doutras tantas culturas coma a grega, a romana ou a exipcia, nas que se lle rendía culto a distintas deusas da sexualidade. En Divas de Diván tentarán facer precisamente iso: crear unha mitoloxía galega do instinto e da carnalidade a través do que narran.

O espectáculo destínase ao público adulto e supón o comezo das actividades que conmemoran o 8M, Día Internacional da Muller, e reforzan as súas reivindicacións.

Pódeche interesar