Enrique Ramil presentará a súa serie “Visitares” na Alianza Aresana, este venres ás 20:30 horas.

Comparte esta nota de prensa

A serie consta de seis episodios, nos que o cantante e compositor Enrique Ramil reúne a xente do mundo da canción con distintos veciños de Ares tamén de relevancia, para mostrarlles diferentes rincóns do pobo e compartir historias.

“Visitares” é unha iniciativa orixinal e creativa de Enrique Ramil, para promocionar os rincóns e a historia de Ares, a través da mirada dos visitantes e a paixón dos aresáns polo seu pobo, coa propia música facendo de fío condutor e como banda sonora que acompaña á beleza de cada lugar que se percorre.

En cada capítulo, Ramil e os invitados visitan e exploran unha área diferente do municipio, mentres que os aresáns móstranlles lugares de interese. Ademais, cada episodio inclúe unha entrevista co invitado e unha canción interpretada por Enrique Ramil e o artista invitado.

Os episodios contarán coa participación de destacados aresáns, como a ximnasta Carla Vilansanchez, a atleta Paula Mayobre ou o biólogo mariño Javier Cristobo, entre outros. Algúns dos artistas convidados á serie son a cantante María Villalón, gañadora de “Factor X”, “Tu Cara Me Suena” e presentadora de “Terra de talento”; ou Javi Soleil, que representou a España en Eurovisión co grupo D’Nash.

O primeiro episodio proxectarase durante o evento de presentación deste venres, día 5 de maio, e logo publicarase nas redes sociais. Neste primeiro capítulo, Ramil interpreta un tema inédito xunto con Iria Cruz, unha das súas alumnas.

O obxectivo do proxecto, que conta coa colaboración do Concello e algúns negocios locáis, é promocionar o pobo a través da perspectiva dos visitantes e a propia opinión dos aresáns. “Visitares” busca mostrar a beleza e a riqueza cultural de Ares a través dos ollos de persoas alleas ao pobo, e promocionar o lugar como destino turístico, así como ensalzar o talento que existe na vila, á vez que se relaciona coa profesión e paixón pola música do cantante e compositor aresán de maior proxección. Coa axuda de todos os participantes, Enrique Ramil quere mostrar o seu pobo natal ao mundo e destacar os seus encantos e peculiaridades.

Pódeche interesar