Exposicións, tres roteiros, concertos, actuacións de rúa… o Ares Indiano recupera a súa programación prepandemia

Comparte esta nota de prensa

O Concello vén de presentar todas as actividades que se promoverán durante o venres, 19, sábado, 20 e domingo, 21 de agosto, nun evento xa consolidado na comarca coma referencia na celebración indiana.

A concelleira de Cultura, Alma Barrón, desvelou esta mañá a programación da nova edición do Ares Indiano, a festa que afonda no vencello da localidade coa pegada migrante e que traballa na conservación da memoria local. En 2022, a celebración volve ás dinámicas prepandemia achegando unha variada oferta de actividades para todos os públicos.

Ao peche da tarde do venres 19, darase o pistoletazo de saída deste Ares Indiano a través das inauguracións das dúas exposicións que se poderán visitar durante a fin de semana. Por unha banda, “Inventio Mundi”, cedida polo Consello da Cultura Galega na Agrupación Instrutiva de Caamouco e, pola outra, “Retratos de familia” de Delfín Vázquez, xa na Alianza Aresana. Haberá ese mesmo venres espazo para o teatro do grupo da Cova do Trasno e o pasarrúas da Charanga Os Celtas.

O sábado, 20 de agosto, Ares contará xa dende as 11:15 horas ata as 22:30 con múltiples actividades que dinamizarán socioculturalmente o municipio. Realizarase ás 12:00 horas a inauguración oficial na Alianza Aresana e habilitaranse os tres roteiros a disposición dos visitantes e veciñanza: un en bus histórico, outro en barco pola ría e o último, a pé con Cayetano Lledó (unha das novidades desta edición), todos eles cunha base teatralizada.

Porén, o sábado incluíranse tamén animacións e máis pasarrúas, o Seminario de Cultura Ultramarina na Alianza Aresana ou a presentación da edición facsimilar de “Campaña político-social y anticaciquil de Juvenal”, o terceiro libro-facsímile que promove o Concello no seu esforzo por coidar a memoria local e distribuído dentro do nomeado Seminario, que conta co apoio económico do GALP Golfo Ártabro Norte

Na última xornada do domingo, 21, continuarán os roteiros, mais tamén haberá espazo para obradoiros de colares e gravatas polas parroquias, narracións orais, automóbiles históricos visitando Cervás e Redes e o concerto, xa á noite, de Havana Soul na Praza da Constitución, entre outras actividades.

CONCURSO DE DECORACIÓN E SORTEO DE VESTIMENTA INDIANA

Paralelamente ás programacións de dinamización, a festa indiana tamén contará co seu propio concurso de decoración, destinada ós locais ou escaparates aresáns.

Así, a Concellaría de Cultura invita a ós negocios a decoralos con motivos indianos, facerlles unha foto e enviala xunto coa situación do espazo no que se atopa, os datos persoais e de contacto ao mail cultura@concellodeares.com ou ao 690 021 106. Haberá 3 vales de 100 euros canxeables nos establecementos da vila coma premio e un prazo máximo de participación ata o domingo, 21 de agosto, ás 12:00 horas.

A maiores, organizarase un sorteo de vestimenta, que se xestionará directamente no stand municipal instalado na Avda. Saavedra Meneses, número 16, onde se entregará a papeleta de participación. O prazo de inscrición será dende o 19 de agosto ata o domingo, 21, data de celebración do sorteo de 6 vales por importe de 50 euros.

PRETO DE 30 INICIATIVAS PARA CELEBRAR O ARES INDIANO

Este ano, o número total de actividades que achega a área de Cultura de Ares ascende a 28 entre as tres xornadas; unha programación que, ademais, vén de ser mellorada con novos servizos.

“Implementamos os roteiros a pé teatralizados, a tenda efémera de aluguer de traxes… Coa recuperación da prepandemia, ata volve a Festa da Xiba, na súa duodécima edición, nunha carpa que recrea os Xardíns da Tropical, o espazo de romerías galegas da Habana. Traballamos por mellorar a celebración coma referente de Ferrolterra e de Galicia na dignificación da memoria indiana”, declarou Alma Barrón, concelleira de Cultura.

Para finalizar, Barrón informou que neste Ares Indiano “manteremos unha das máximas das últimas edicións, que é a descentralizción de actividades en áreas con interese indiano, coma ben pode ser o caso de Cervás ou Redes”.

 

Pódeche interesar