A actividade “Fai clic ao teu bocata” visita o ConciliAres

Comparte esta nota de prensa

Hoxe os nenos e nenas do programa municipal ConciliAres probaron un delicioso tentempé de media mañá, mentres descubrían a ampla variedade e calidade de produtos que podemos atopar no noso mar.

Dous científicos mariños acudiron ás instalacións do CPI As Mirandas para contarlle aos nenos e nenas a importancia de coidar o mar e os animais que o habitan, así como as diferentes artes de pesca, o saudable que son as conservas e como facer bocatas con elas.

O proxecto da Consellería do Mar, levado pola área de Benestar do Concello de Ares ao programa municipal do ConciliAres, serviulles aos nenos e nenas para aprender que as conservas son moi saudables, con altas propiedades nutricionais e, ademais, que teñen un sabor moi bo, algo que eles mesmos puideron comprobar ao degustar bocadillos con diferentes conservas e elaboracións do máis creativas.

Nunha xornada moi dinámica e participativa, con preguntas e vídeos animados explicativos desta campaña da Xunta, os máis pequenos descubriron que as conservas de peixe e marisco son unha opción fantástica e riquísima para poñer no medio do pan.

Ademais, ao finalizar o obradoiro, os participantes recibiron agasallos para lembrar a importancia de coidar o mar e consumir peixe.

 

Pódeche interesar