“Lánzaste con nós?”, unha excursión ás Minas Consuelo e á tirolina máis longa de Galicia

Comparte esta nota de prensa

As Concellarías de Cultura e Xuventude organizan unha visita ao concello da Pontenova (Lugo) destinado á mocidade.

O sábado, 9 de abril, día de comezo das vacacións escolares, coñeceremos todo un complexo histórico e recreativo ao aire libre marcado pola aventura, rematando co lanzamento nunha tirolina de 300 m. de longo e 80 m. de alto.

A actividade terá un custe de 15 euros e abrirá o prazo de inscrición para os empadroados/as este venres, 25 de marzo, ata o 5 de abril. 

Un espazo integrado na natureza que permite coñecer o pasado mineiro do concello da Pontenova, mesturando a historia coa diversión ao aire libre. Esa será a próxima actividade organizada conxuntamente entre as áreas de Cultura e Xuventude o sábado, 9 de abril, propoñendo á rapazada un lanzamento dende a tirolina máis longa de Galicia como remate do pequeno roteiro sendeirista e cultural -a Ruta dos Fornos- que lembra a actividade dos fornos de calcinación de ferro que existían na localidade.

A iniciativa, organizada baixo o nome “Lánzaste con nós?”, destínase aos mozos e mozas nados entre 2000 e 2009, ambos inclusive, e contará cun custe de 15 euros, incluíndo transporte, monitores titulados, seguros de viaxe e accidentes, entrada ao nivel 0 das Minas Consuelo, lanzamento na tirolina das Minas e, por último, o xantar na Pontenova.

Habilitarase un autobús que sairá da Porta do Sol ás 08:45 e regresará aproximadamente ás 18:45 horas. Esta visita á Tirolina das Minas e á Ruta dos Fornos suporá ir moito máis aló da diversión dun parque de aventuras; é unha oportunidade para achegarse a un complexo histórico no que tamén se visitan elementos característicos dunha explotación de ferro do século XX: antigas instalacións de ferrocarril, depósitos de carga de mineral, o interior das minas como tal, cos seus túneles…

“Lánzaste con nós?” disporá de 30 prazas e dous períodos de inscrición. O primeiro para os empadroados/as en Ares será dende este venres, 25 de marzo, e o segundo para os non empadroados/as dende o 31 de marzo, ambos con data límite o martes, 5 de abril.

Será necesario inscribirse na biblioteca municipal de Ares abonando nese momento o importe da actividade e asinar o documento de autorización para asistir á actividade, no caso de inscribir a menores de idade.

FORMULARIO INSCRICIÓN en pdf

 

Pódeche interesar