A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol vén de recibir da Xunta de Galicia unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia. A administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal financian esta convocatoria dirixida a mulleres en situación de desemprego inscritas na correspondente Oficina de Emprego e empadroadas nos Concellos de: Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Narón, Neda, Mugardos ou Valdoviño.
O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes para mellorar a súa empregabilidade e lograr a inserción laboral.
A formación específica para o emprego incluirá itinerarios de limpeza industrial, peixaría, comercio, cociña, agricultura ecolóxica e community management. A formación transversal estará composta por accións sobre competencias dixitais, técnicas de busca de emprego, idiomas, habelencias sociolaborais e obradoiros de entrevista de selección, entre outras.
O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral, establecendo contacto coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado e as posibles ofertas de emprego para facilitar a información e inserción laboral das usuarias.
O programa contará, ademais, con medidas de apoio á conciliación familiar, persoal e laboral, para facilitar a participación de todas aquelas usuarias que teñan persoas maiores ou menores a cargo.
Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 10€ por día de asistencia ás accións do programa.
Todas aquelas mulleres interesadas e debidamente inscritas como demandantes de emprego poden ampliar información contactando co equipo técnico do programa nos seguintes números de teléfono 613 10 85 35 / 613 10 85 30 ou ben no enderezo de correo electrónico piemancomunidade@ferrol.es.