A Xunta de Galicia concedeu á A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia. A administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal financian esta convocatoria con 220.000 €. Vai dirixida a mulleres en situación de desemprego inscritas na correspondente Oficina de Emprego e empadroadas nos Concellos de: Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Neda, Cabanas, Ares ou Mugardos.

O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2023/2024 ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes para mellorar a súa empregabilidade e lograr a inserción laboral (o obxectivo mínimo deste ano é o 35% das mulleres participantes).

Con este fin, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, información, itinerarios personalizados de inserción…) con accións formativas, tanto específicas para o emprego como transversais.

A formación específica para o emprego incluirá itinerarios de limpeza industrial, peixaría, comercio, cociña, agricultura ecolóxica e community management. A formación transversal estará composta por accións sobre competencias dixitais, técnicas de busca de emprego, idiomas, habelencias sociolaborais e obradoiros de entrevista de selección, entre outras. Ademais, de ser o caso, poderanse levar a cabo outras actividades e/ou accións formativas, en función dos intereses e necesidades detectadas.

O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral, establecendo contacto coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado e as posibles ofertas de emprego para facilitar a información e inserción laboral das usuarias.

O programa contará, ademais, con medidas de apoio á conciliación familiar, persoal e laboral, para facilitar a participación de todas aquelas usuarias que teñan persoas maiores ou menores a cargo.

Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 10€ por día de asistencia ás accións do programa.

Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen a súa cualificación, melloren o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral e adquiran formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.

Todas aquelas mulleres interesadas e debidamente inscritas como demandantes de emprego poden ampliar información contactando co equipo técnico do programa nos seguintes números de teléfono 613 10 85 35 / 613 10 85 30 ou ben no enderezo de correo electrónico piemancomunidade@ferrol.es.