A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol vén de recibir da Xunta de Galicia unha nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE) de Galicia. O organismo autonómico, xunto co Servizo Público de Emprego Estatal, financian esta convocatoria que vai dirixida a mulleres empadroadas nos concellos de Ares, Mugardos, Fene, Cabanas, Cedeira, Narón, Neda e Valdoviño e que cumpran algún dos seguintes requisitos:

  • Contar cun certificado de discapacidade.
  • Estar en risco de exclusión social e ser beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.
  • Vítimas de violencia de xénero.
  • Menores de 30 anos con baixa cualificación.
  • Estar desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.

Este programa da Mancomunidade ten coma principal obxectivo achegar ferramentas ás participantes para que melloren a súa empregabilidade e logren a inserción laboral no mercado, aumentando o seu coñecemento do mesmo e adquirindo nova formación.

Cunha duración de 12 meses, conxugaranse accións individuais con persoal técnico (asesoramento, servizo de orientación, itinerarios personalizados de inserción laboral…) con accións formativas cualificantes (peixaría, cociña, comercio, reparación de móbiles, xestión de comunidades virtuais, limpeza industrial, agricultura ecolóxica…) e de tipo transversal (informática, idiomas, obradoiros de entrevista e de busca de emprego…).

O persoal técnico deste Programa Integrado de Emprego tamén estará en contacto coas empresas da contorna comarcal para poder coñecer as posibles ofertas de emprego e poñelas en contacto coas usuarias desta iniciativa.

O conxunto de accións que se propoñan contarán con medidas de apoio á participación das mulleres, de tal maneira que se teñen menores ou persoas con discapacidade ao seu cargo (e presenten dificultades para dispoñer de recursos de apoio) poderán beneficiarse dun servizo de conciliación que lles permita asistir ó programa. Tamén terán dereito a percibir unha bolsa de 7 euros por día de asistencia ás accións do PIE.

As mulleres interesadas poden ampliar información en https://comarcaferrolterra.wordpress.com/. Asimesmo, as persoas de Ares interesadas en participar neste programa deberán achegarse ata o departamento municipal de Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) situado no Concello para proceder á sinatura e entrega de documentación.

O prazo de solicitudes rematará o día 15 de decembro.