O Concello conclúe a mellora da eficiencia enerxética no pavillón, un proxecto que supuxo un investimento de máis de medio millón de euros para a vila, asumidos entre o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), que achegou o 85 % dos fondos, e as arcas municipais co 15 % restante.
O municipio contou hoxe coa visita do delegado do goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, para supervisar o resultado das obras despois da rehabilitación, xunto coas autoridades municipais.
O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias; o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, xunto coa subdelegada, María Rivas, visitaron conxuntamente as instalacións do pavillón polideportivo de Ares tras a execución do proxecto de renovación da eficiencia enerxética que se materializou nos últimos meses.
Así, as autoridades involucradas comprobaron o aspecto exterior e interior do pavillón, pois o proxecto de 556.110,61 euros permitiu renovar toda a envolvente e cuberta, a iluminación interior –instalando un total de 111 puntos de lámpadas suspendidas e pantallas adosadas de tipo LED—, a carpintería e o sistema de auga quente. Ademais, instaláronse paneis fotovoltaicos na cuberta e unha caldeira de biomasa no interior do polideportivo, constatando un forte impulso a toda a infraestrutura.
O delegado, Pedro Blanco, destacou a labor do Goberno central en pequenos municipios como Ares, onde se aposta por accións concretas para mellorar a vida da veciñanza. E,de igual maneira, Blanco tamén felicitou ao alcalde do municipio aresá por dotar ao concello dunhas infraestruturas “modernas e sostibles”.
UN ESFORZO ENTRE ADMINISTRACIÓNS PARA RENOVAR O PAVILLÓN
Dáse por rematada unha intervención fundamental para a vila que permitiu renovar o pavillón coordinando esforzos entre o Goberno de España, no marco do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, vencellado aos fondos Next Generation da Unión Europea, e o Concello de Ares, un traballo conxunto que permitiu executar máis de medio millón de euros na infraestrutura deportiva municipal.
Do total, o 85 % asumiuse con cargo ó Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) e o 15 % restante, ás arcas municipais aresáns.
A partir deste mes, o pavillón conta cun novo sistema de panel de sándwich de aceiro lacado de 60 mm., e outro panel de aceiro lacado no cerramento superior de 70 mm, xunto cun revestimento do muro de bloques de formigón con pranchas de EPS.
Incorporáronse un conxunto de claraboias parabólicas de apertura eléctrica para a ventilación do recinto, reducindo así o consumo enerxético en caso de alta ocupación, que tamén mellorou nas súas prestacións lumínicas grazas ás lámpadas LEDs, cun aforro no consumo do 59 %.
A finalización das obras no pavillón reforza a planificación da eficiencia enerxética do Concello aresán, que se desenvolve progresivamente en diferentes puntos da localidade, como foi o caso da instalación de luminarias LEDs nos cascos urbanos de Ares e Redes; as melloras no campo de fútbol de Prados Vellos e a instalación de paneis fotovoltaicos en edificios de titularidade municipal –como se acometeu no depósito de Os Castros, a Casa da Xuventude ou o Departamento de Servizos Sociais–.