O evento deportivo, que se desenvolverá o próximo 22 de abril, foi presentado oficialmente onte na alcaldía do Concello de Ares, co Presidente do Club de Montaña Ferrol, Xan Ramírez, ao fronte, para dar a coñecer todos os detalles desta iniciativa que hibrida deporte e natureza ao longo de 30 quilómetros da península de Bezoucos, que conforma a parte sur da ría de Ferrol nos municipios de Ares, Cabanas, Fene e Mugardos.
Xan Ramírez estivo acompañado dos representantes dos concellos colaboradores, para presentar publicamente o evento e a posta en común dos diversos puntos que implica a súa posta en marcha. Así, en representación do Concello de Ares asistiu a concelleira de Deportes, Noelia Montero, a concelleira de Turismo, Lucía Blanco, acompañadas do técnico deportivo, Javier Sánchez. Por parte do Concello de Fene acudiu a concelleira de Deportes, Cristina García, xunto coa edil de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira. O acto tamén contou coa presenza de Iago Varela, primeiro tenente alcalde do Concello de Cabanas e responsable de Turismo; e Manuel Polo, en calidade de técnico deportivo do Concello de Mugardos.
O propio Xan Ramírez foi o encargado de debullar o itinerario da xornada do día 22. A saída está prevista ás 9.00 horas dende O Seixo, lugar onde se congregarán os participantes para partir en autobús cara a Cabanas. Dende alí, iniciarase o percorrido ao longo da praia da Madalena, realizando un tramo que comprende varias paraxes de Fene para, tras isto, adentrarse na costa de Ares, dende Redes ata Chanteiro, e finalizar en Mugardos, antes de regresar ao punto de partida en O Seixo.
Ramírez explicou a dinámica da andaina, de xeito que cada participante contará cun mapa cos puntos marcados do itinerario, ademais dos postes e sinais que xa se atopan instalados ao longo de todo o tramo. A este respecto fíxose fincapé en que aínda que a actividade está calificada como de dificultade media e require un esforzo físico considerable, non hai límite de tempo para completar o percorrido, para facilitar que calquera persoa poida participar. Neste sentido, informouse que haberá varios puntos de avituallamento, dispostos tanto en Ares como en Chanteiro e Mugardos, con bebida e froitas, para facer unha parada e repoñer forzas.
Para participar é necesario ser maior de 18 anos (ou de 16 con autorización) e inscribirse previamente. As inscricións estarán abertas ata o 19 de abril e débense realizar de forma presencial na sede do Club de Montaña Ferrol (rúa Coruña, 102, 1º dereita). A cuota de inscrición é de 20 euros para os non socios e 17 euros para os socios, con descontos para os federados en montaña (sexan socios ou non) de 2 euros. Para obter máis información pódese contactar telefonicamente no 981 355 869 ou tamén consultar a web: https://clubmontanaferrol.gal/20230328/primeira-edicion-andaina- costa-bezoucos-30-km/.
A previsión de participación por parte da organización está estimada nunhas 300 persoas. O evento contará coa colaboración das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos municipios implicados, para axudar ao correcto desenvolvemento da xornada, en termos de atender e facilitar os diversos aspectos que poidan presentarse no seu trancurso.
O responsable do Club de Montaña Ferrol salientou que se espera que esta iniciativa, que arranca de modo experimental o día 22, quede como un clásico no calendario das rutas de medio-longo percorrido de Galicia. Tamén os representantes municipais coincidiron no acto de onte nas altas expectativas de acollida e na intención de darlle a máxima continuidade, cun marcado fixo que permita a realización da ruta todo o ano, e a intención de poder elevar a proposta de colaboración á Mancomunidade, para darlle o maior pulo posible á iniciativa.
Todos os presentes enfatizaron a importancia da ruta, non só a nivel deportivo, senón tamén no eido paisaxístico, histórico e turístico; incidindo en que ao longo do camiño poderán facerse paradas para admirar lugares que contan cun enorme potencial con moliños, castros, pazos, baterías de costa, igrexas ou miradoiros espectaculares.