- Instalaranse tres novos xogos –unha vagoneta inoxidable, un tobogán e unha rede triangular–, cada un co seu pavimento de seguridade, e tamén elementos de mobiliario urbano que aumenten o confort da área para os adultos.
- Os traballos supoñen un investimento de 74.995,81 euros asumidos polo POS+2024 da Deputación da Coruña.
A área infantil sita no Parque Rosalía de Castro, no núcleo urbano de Ares, encara os últimos traballos de renovación das súas instalacións. Despois de incorporar novos xogos para as franxas de menor idade, dende esta semana será a quenda das infraestruturas para os maiores coa montaxe de tres elementos: unha rede triangular, unha vagoneta inoxidable e unha plataforma con tobogán.
Tres novos xogos que contarán tamén con novo pavimento de caucho, dando continuidade ao xa realizado anteriormente e priorizando a minimización dos posibles impactos das crianzas. Na mesma liña de aumento da seguridade instalaranse vallas de madeira de pino na parte da área próxima á Avenida Saavedra Meneses, incrementando a protección dos nenos e nenas con respecto á circulación de vehículos.
Con todo, a renovación da zona de lecer infantil incrementará o mobiliario urbano destinado aos adultos que acompañan aos menores: colocaranse bancos e mesas rústicas con asentos adosados para mellorar o confort e benestar máis aló das propias infraestruturas de xogo.
En total, será un investimento de aproximadamente 75.000 euros, IVA incluído, a cargo do POS+2024 da Deputación da Coruña.
Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, puxo a intervención en contexto “sabendo que non só renovamos este parque infantil no núcleo de Ares; acabamos de recibir unha subvención de 40.000 euros que, xunto coa achega do Concello de 20.000 euros, permitirá renovar a área de xogo de Cervás. Xa estamos traballando nos seus pregos e licitarémola proximamente”.
E dende a Concellaría que dirixe Marcos tamén adiantan que o “proceso non rematará aí, pois continuaremos renovando os parques infantís de Redes e Chanteiro, todas elas infraestruturas que fixemos realidade dende o equipo de goberno en lexislaturas previas”.