O Concello de Ares, a través das axudas a Entidades Locais para proxectos de investimento en economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014- 2020, convocadas polo IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) do Ministerio da Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, recibiu unha axuda do 80% do importe do royecto “Instalacións solares fotovoltaicas en autoconsumo en diversos inmobles de titularidade municipal do Concello de Ares” , o cal ascende a 79.927,63 €.
A axuda recibida corresponde ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ascende a 63.942,10 €, para a realización dunha operación de “Instalacións solares fotovoltaicas destinadas a xeración eléctrica para autoconsumo (conectadas a rede e illadas)” cun Obxectivo Específico: OE 432 – Aumentar o uso das enerxías renovables para a produción de electricidade e usos termos en edificación e en infraestruturas públicas, en particular favorecendo a xeración a pequena escala en puntos próximos ao consumo, segundo o “Real Decreto 616/2017, do 16 de xuño, polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020” que regula a asignación destas axudas.
Planéase a montaxe dunha serie de instalacións fotovoltaicas en autoconsumo noutros tantos inmobles cuxa titularidade ostenta o Concello de Ares. Estas instalacións xerarán enerxía eléctrica que se consumirá no propio inmoble cando haxa demanda. Cando a demanda sexa superior á xeración da planta, a instalación tomará enerxía da rede exterior, do mesmo xeito que o viña facendo ata o de agora. No caso de que a xeración supere á demanda, o excedente se verterá á rede xeral e por iso obterase da compañía eléctrica unha compensación na factura.
O proceso de deseño comprende as seguintes fases:
✓ Avaliación do consumo enerxético da instalación
✓ Dimensionado do xerador fotovoltaico a partir do consumo do inmoble e da superficie dispoñible na cuberta.
✓ Orientación e inclinación do xerador para as condicións específicas da cuberta.
✓ Estudo de influencia da contorna.
✓ Estimación da radiación dispoñible.
✓ Configuración eléctrica do sistema fotovoltaico en autoconsumo e conectado a rede.
✓ Estimación da enerxía xerada. Cálculo da produción anual esperada.
Os obxectivos alcanzados coa realización do mesmo son:
✓ Cuantificación do aforro conseguido grazas á instalación fotovoltaica, tanto en termos económicos como enerxéticos (enerxía primaria e final)
✓ Cuantificación da redución nas emisións de gases de efecto invernadoiro
Ares, 27 de Xullo de 2021