O Concello de Ares e FEGADACE colaboran na sensibilización e prevención do dano cerebral cunha exposición e unha sesión informativa

Comparte esta nota de prensa

A colección de fotografías poderá visitarse dende hoxe, luns 10, ata o 23 de outubro no Centro de Saúde de Ares, namentres que a charla se celebrará o 24 de outubro na Alianza Aresana.

Ares contará durante as próximas semanas con dúas iniciativas centradas en dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, amais de intentar axudar a previr esta discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia. Concello de Ares e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE*) colaboran para promover na localidade unha exposición fotográfica e unha sesión informativa baixo esta mesma temática.

Así, a exposición “Punto e Seguido: a vida despois do dano cerebral adquirido” poderá verse desde hoxe, luns 10 de outubro, ata o 23 deste mesmo mes, nun horario de 8:00 a 15:00, de luns a venres no Centro de Saúde de Ares. A mostra está composta por múltiples fotografías do compostelán Aigi Boga, todas elas realizadas nas cinco asociacións que forman parte de FEGADACE. Nas imaxes, amósase a vida cotiá das persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, poñendo o foco nas actividades que realizan ou na súa convivencia; é dicir, expoñendo a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico ou calquera outras das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

Complementando a mostra fotográfica, o salón de actos da Alianza Aresana acollerá o 24 de outubro (18:00 horas) a sesión informativa que afondará na prevención das principais causas do dano cerebral, coa intervención da traballadora social de FEGADACE. A charla está dirixida a todo tipo de público e tamén afondará no modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo a Ares: ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña.

A organización destas actividades conta co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Ares principia coa tempada de Nadal

As familias aresáns uníronse para decorar e iluminar a árbore próxima á Ponte da Ciscada durante a tarde de onte, e foi un momento cargado