O Concello quere expresar o seu total apoio ás traballadoras e traballadores de Froiz e Gadis na defensa dos seus dereitos laborais e na súa convocatoria de folga na provincia da Coruña prevista para o día 23 de xuño.
As reivindicacións do persoal de ambas compañías expoñen unha clara necesidade de establecer canles para unha negociación efectiva, con vontade de acordo, onde se aborden cuestións fundamentais como a mellora das condicións de traballo e dos salarios, a estabilidade no emprego, o impulso da conciliación e a óptima organización dos tempos laborais. Porque un emprego de calidade é compatible cun modelo empresarial competitivo.
Dende o Concello de Ares, saliéntase a relevancia de acadar unhas condicións laborais dignas para as persoas traballadoras do sector da alimentación, acordes co esforzo, responsabilidade e contribución esencial que realizan para a sociedade en xeral e FROIZ e GADIS en particular.
Ao mesmo tempo, tamén se fai un chamamento ao diálogo e entendemento, co foco posto en avanzar na procura dunha solución ao conflito actual.

