O Concello executará un investimento de 195.000 euros para a mellora dos vestuarios do Campo de Fútbol de Prados Vellos

Comparte esta nota de prensa

O Concello logrou obter unha subvención de 140.000 euros para levar a cabo un importante proxecto de investimento no Campo de Fútbol de Prados Vellos. O obxectivo deste investimento, que ascende a un total de 195.000 euros, é intervir no edificio de vestiarios para a mellora da eficiencia enerxética na súa envolvente e, parcialmente, nas súas instalacións.

A subvención foi outorgada ao Concello a través do Fondo de Cooperación Local da Xunta, no marco das axudas destinadas a mellorar a eficiencia enerxética das infraestruturas municipais.

Así pois, a intervención impulsada polo Concello céntrase en mellorar a eficiencia enerxética do edificio dos vestiarios, tanto na súa envolvente como nas súas instalacións. Levaranse a cabo diversas actuacións, como a substitución da cuberta actual de fibrocemento por paneis sándwich de aceiro lacado con illamento térmico, o revestimento das fachadas cun sistema SATE con acabado hidrófugo e illamento, e a substitución das xanelas e portas actuais por outras con características que melloren o illamento térmico.

Ademais, instalarase unha batería de paneis solares térmicos e un intercambiador de auga quente sanitaria cunha contribución do 60%. Estas medidas permitirán reducir o consumo enerxético do edificio e, polo tanto, mellorar a eficiencia enerxética do conxunto.

O edificio dos vestiarios consta dunha única planta sobre rasante, cunhas dimensións de 50,70 metros de lonxitude, 8,25 metros de ancho e unha altura total de 3,8 metros. No seu interior, atópanse os vestiarios, aseos, un despacho de dirección, instalacións e unha cantina, todos eles destinados a ser utilizados no ámbito deportivo como complemento indispensable do campo de fútbol.

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, destacou a importancia de obter esta subvención e resaltou o compromiso do Concello coa mellora das infraestruturas deportivas en beneficio da veciñanza. Así mesmo, salientou a relevancia da obra que se executará, a cal contribuirá a modernizar e optimizar o Campo de Fútbol de Prados Vellos, proporcionando unhas instalacións enerxéticamente eficientes e adecuadas para a práctica deportiva.

Pódeche interesar