O Concello organiza unha campaña de apoio a Ucraína con tres grandes liñas de actuación

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email

O ente municipal promove dende hoxe unha recollida de produtos de primeira necesidade, a elaboración dun listado de recursos habitacionais para a posible acollida de refuxiados no futuro e, por último, unha recadación solidaria de fondos.

Farmacias de Ares, supermercados e outras tendas de subministros básicos colaboran co Concello para poñer en marcha procesos de xestión o máis áxiles posibles.

Ares conta a partir de hoxe, 9 de marzo, con varias vías para axudar no actual conflito bélico de Ucraína. O Concello, tendo en conta as problemáticas e a situación humanitaria da cidadanía ucraína, pon en marcha unha campaña de apoio co fin de coordinar o máis optimamente posible os recursos materiais, económicos e habitacionais da localidade.

A campaña susténtase en tres liñas de actuación, accesibles para que a veciñanza interveña e aporte voluntariamente o que poida, en colaboración co tecido asociativo e locais aresáns.

RECOLLIDA DE PRODUTOS POLO MUNICIPIO

A primeira iniciativa da campaña é unha recollida de produtos de primeira necesidade en base a unha listaxe pechada que segue as recomendacións de organismos oficiais e organización humanitarias. Son obxectos de fácil transporte que facilitan a loxística de entrega nunha situación de emerxencia. De igual maneira, o Concello vén de poñerse en contacto cos principais locais de Ares que venden produtos básicos, farmacéuticos ou alimentarios para colaborar con eles na xestión da recollida.

Solicítanse doazóns do seguinte material: latas de conserva, barriñas enerxéticas, leite en pó e leite para bebés, así como chocolate á taza de tableta. No eido sanitario, precísase alcohol, gasas, soro fisiolóxico, esparadrapo, vendas, guantes de vinilo ou látex, máscaras, betadine –ou similar–, compresas, pañales e toalliñas húmidas. Inclúense na listaxe pechada outros elementos básicos como sacos de durmir, pilas, lanternas ou chisqueiros.

Desta maneira, as persoas que desexen axudar poderán comprar estes produtos nos negocios adheridos e depositalos nas caixas designadas para tal uso, xa nas propias instalacións de cada local. Os traballadores municipais recollerán os produtos dos diferentes puntos para levalos ao espazo de centralización e clasificación municipal: a Casa da Xuventude. Alí serán debidamente empaquetados e clasificados para axilizar o traballo.

RECADACIÓN SOLIDARIA DE FONDOS 

A segunda liña de actuación da campaña municipal consiste nunha recadación solidaria de fondos a través das huchas instaladas nos mesmos locais adheridos, para que toda a persoa que desexe axudar economicamente poida facelo de maneira directa. O diñeiro recadado, que se xestionará sempre dende o Concello de Ares, será ingresado ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) ou empregado para a compra de máis material de primeira necesidade.

Dende o ente municipal tamén lembran que existe a posibilidade de efectuar transferencias a ACNUR, o organismo de referencia das Nacións Unidas para protexer aos refuxiados e desprazados por persecucións e conflitos como o ucraíno, no seguinte número de conta: ES29 2100 2262 1602 0041 4950.

ELABORACIÓN DUNHA LISTAXE DE RECURSOS HABITACIONAIS

A última das tres iniciativas que compoñen a campaña céntrase na creación dunha listaxe para comprobar cal é a oferta habitacional existente no municipio. O principal obxectivo é coñecer cantas persoas poderían poñer a disposición do Concello habitacións e/ou espazos para acoller refuxiados do conflito, medindo así a capacidade de Ares para esta tipoloxía de accións humanitarias.

Esta terceira actuación presenta un carácter preventivo: ata o de agora, non existe un proceso formal de acollida de refuxiados, pero o Concello entende que contar con esta información de antemán, así como o posible número de habitacións ó alcance, permitirá tomar mellores decisións e compartir esta listaxe cos organismos supramunicipais pertinentes.

Toda persoa que desexe incorporar algunha habitación ou espazo a este censo, de cara a que se teña en conta como recurso habitacional de posible emprego futuro, deberá contactar coa Casa da Xuventude, ben acudindo nas propias instalacións, ben vía telefónica (981 94 95 91), en horario de luns a venres, de 10.00 a 13.30 horas.

Para calquera incidencia, dúbida ou ampliación de información, pódese chamar ao 677 12 41 34 (Noelia Montero, coordinadora da campaña).

 

Pódeche interesar