O Concello pon en marcha a terceira ruta do SendAres 2022-2023

Comparte esta nota de prensa

As persoas interesadas poderán inscribirse dende mañá, 22 de novembro, ás 18:00 horas, ata o 8 de decembro, con 25 prazas asignadas e un prezo de 15 euros.

Prográmase unha saída á costa de Dexo para o 18 de decembro, un espazo con calas sorprendentes e interesantes formacións xeolóxicas.

A Concellaría de Deportes vén de informar da data na que se abrirá o proceso de inscrición da terceira ruta do SendAres 22-23, o programa de sendeirismo municipal que explora o patrimonio natural galego dende a práctica deportiva. Será mañá, 22 de novembro, ás 18:00 horas e a través da páxina web do Concello, www.concellodeares.gal, cando se habilitará a posibilidade de reservar prazas.

Neste terceiro itinerario que se propón, os sendeiristas achegaranse ata a Costa de Dexo, un tramo costeiro entre os faros de Mera e o porto de Lorbé, nas rías de Ares-Betanzos e A Coruña. O percorrido permitirá coñecer unha zona que destaca polas súas calas, de acusada beleza natural, e polas formacións xeolóxicas que se producen pola forza e impactos do mar.

A actividade, unha ruta de 11 quilómetros cunha dificultade media-baixa, producirase o 18 de decembro baixo un prezo de 15 euros no que se inclúe o servizo de guía, seguros e transporte. O autobús sairá de Ares ás 8:00 horas e chegará á vila ás 15:00, aproximadamente, no punto de encontro habitual: a Praza da igrexa da localidade.

A Concellaría de Deportes asignou 25 prazas para esta iniciativa, que se cubrirán por orde de inscrición ata as 15:00 horas do 8 de decembro ou, de darse o caso, ata o seu esgotamento.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN: Ruta 3: Acantilados da Costa de Dexo 

https://forms.gle/nYLGB9XetyeBRJNq9

Pódeche interesar