Este luns, 30 de maio, ás 22,59 horas abrirá o período de inscrición para as persoas interesadas en explorar o patrimonio natural do Río Sor.

O itinerario levarase a cabo o domingo 12 de xuño cun custe de 15 euros, incluíndo transporte de ida e volta a Ortigueira.

A Concellaría de Deportes vén de anunciar novidades no relativo a outro itinerario do SendAres, que permitirá explorar o patrimonio natural a través dunha ruta circular polo río Sor. Así, este luns, 30 de maio, ás 22.59 abrirase oficialmente o período de inscrición para todas aquelas persoas interesadas en participar nunha iniciativa que combina natureza e práctica deportiva.

O 12 de xuño será a xornada na que se visitarán as terras do río Sor (Ortigueira). Os participantes percorrerán un espazo que discorre polas marxes do Río Sor, que posúe unha grande biodiversidade e unha paisaxe de grande beleza. Ao longo do percorrido poderán descubrir muíños e ata telesillas mecánicas que permitían noutros tempos atravesar o río, onde se ubica o centro Ictiogénico de Ulló (antigua central reconvertida.)

Esta ruta contará cun percorrido aproximado de 14 quilómetros e unha dificultade baixa. Terá un custe de 15 euros, incluíndo o servizo de guía, o seguro e o desprazamento; o autobús sairá da Praza da Igrexa de Ares (Alianza Aresana) ás 08.00 horas e regresará á contorna municipal preto das 15.00 horas.

Habilitaranse 25 prazas para o itinerario, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición ata o 5 de xuño ás 23.59, se non se esgotan previamente. O proceso será integramente telemático a través do formulario da páxina web municipal
https://concellodeares.gal/sendares-circular-do-rio-sor/