O Concello presenta a súa oferta de Actividades Deportivas Municipais para o curso 2026-2027

Comparte esta nota de prensa

  • As inscricións realizaranse a través da web municipal, con preferencia para persoas empadroadas entre o 7 e o 14 de agosto e apertura para non empadroadas a partir do 17 de agosto, ata completar os grupos.
  • A programación inclúe pilates, ioga, tonificación, zumba, baile latino, ximnasia en Caamouco e actividade física para maiores de 60 e 70 anos (estes últimos, con solicitudes de inscrición presenciais no pavillón municipal).

 

A Concellaría de Deportes do Concello de Ares vén de presentar a nova oferta de Actividades Deportivas Municipais 2026-2027, que arrancará no mes de setembro con propostas dirixidas a fomentar a práctica física, os hábitos saudables e o benestar da veciñanza ao longo de todo o curso.

A programación inclúe actividades como pilates, ioga, tonificación, zumba, baile latino, ximnasia en Caamouco e actividade física para persoas maiores de 60 e 70 anos, distribuídas en diferentes espazos municipais e sociais: o pavillón polideportivo, a Casa da Xuventude, o local social de Seselle, o Centro Cultural Outeiro e a Agrupación Instrutiva de Caamouco.

As solicitudes de inscrición deberán realizarse de maneira telemática a través da páxina web municipal, www.concellodeares.gal, no apartado correspondente ás Actividades Deportivas Municipais 2026-2027. No caso da actividade física para maiores de 70 anos, a inscrición farase presencialmente no pavillón deportivo municipal, de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:00 horas.

O proceso contará con dúas quendas: as persoas empadroadas en Ares terán preferencia do 7 ao 14 de agosto, mentres que as non empadroadas poderán inscribirse a partir do 17 de agosto, sempre ata completar os grupos dispoñibles.

Co obxectivo de facilitar que o maior número posible de veciños e veciñas poida acceder á oferta deportiva, cada persoa poderá obter praza nun máximo de tres actividades, que deberá solicitar por orde de preferencia. Ademais, só se poderá escoller un horario por cada actividade.

Unha vez revisadas as solicitudes, a dispoñibilidade de praza e o comezo das escolas notificaranse individualmente ás persoas interesadas. O pagamento da matrícula e da mensualidade correspondente realizarase do 1 ao 8 de setembro, ambos inclusive. O custo da matrícula será de 10,13 euros para persoas empadroadas e de 18,99 euros para non empadroadas.

A nova programación incorpora tamén descontos para familias numerosas, unidades familiares con tres ou máis persoas inscritas e familias con carencia de recursos económicos, neste último caso previa solicitude, comprobación e informe dos Servizos Sociais municipais.

Para máis información, a veciñanza pode consultar o apartado de Actividades Deportivas Municipais na web do Concello ou contactar a través do correo electrónico deportes@concellodeares.com.

Pódeche interesar