O Concello presenta o programa do IX Ares Indiano, unha viaxe pola memoria da emigración galega

Comparte esta nota de prensa

A vila celebrará os días 21, 22 e 23 de agosto unha nova edición do Ares Indiano, cunha programación que combina historia, cultura, gastronomía, música e actividades para todos os públicos.

Exposicións, roteiros, seminarios, obradoiros, showcookings, espectáculos e vehículos históricos formarán parte dunha celebración que reivindica o legado da emigración e a súa pegada na historia de Ares.

A concelleira de Cultura, Alma Barrón, presentou o programa completo da IX edición do Ares Indiano,, que se desenvolverá os días 21, 22 e 23 de agosto e volverá converter diferentes espazos de Ares nun punto de encontro coa historia da emigración galega cara América.

A nova edición manterá o carácter cultural, divulgativo e participativo do evento, cunha programación pensada para achegar esta parte da historia a públicos de todas as idades. O programa inclúe tres exposicións na Alianza Aresana, a Instrutiva de Caamouco e o C.I.R.S. de Cervás, centradas na memoria da emigración, o papel das mulleres e diferentes elementos vinculados a este fenómeno.

TRES DÍAS PARA VIAxar AO PASADO

O venres 21 abrirase o Mercado Indiano e o Espazo Deputación, que acollerá o mercado artesanal e diferentes actividades de dinamización, entre elas o programa gastronómico A paisaxe que sabe, con showcookings da cociñeira Nair González.

A xornada contará tamén con contacontos, acuarela indiana en directo, música, teatro e divulgación histórica, coa celebración do relatorio Redes e a corbeta Nautilus. Habana 1908, a cargo de Juan Escrigas, e a actuación de Habana Café Son Trío como peche da noite.

O sábado 22 terá lugar a inauguración oficial do IX Ares Indiano, ás 11:30 horas, na Alianza Aresana. Ao longo do día sucederanse os roteiros en autobús histórico por Cervás e Redes, os roteiros a pé con Cayetano Lledó, obradoiros infantís, actividades gastronómicas, pasarrúas e propostas de divulgación.

Entre elas destacan o relatorio O país invisible, de Arturo Lezcano, e a presentación de Bendamio, Letras de La Habana, de Javier Vilasánchez. A música, o humor, a narración oral e os ritmos latinos completarán unha xornada que rematará co concerto de Gallaecia Small Band.

O domingo 23 continuará a programación con novos roteiros, actividades infantís, gastronomía e divulgación, coa intervención de Afonso Eiré no relatorio Os bancos e a emigración.

Un dos atractivos da xornada será a presenza de automóbiles históricos, cun desfile polo paseo marítimo e exposición posterior en Ares, Cervás e Redes. Pola tarde celebrarase tamén Amosa o teu traxe, o concurso de vestimenta indiana aberto a todas as idades.

A música volverá ter un papel protagonista con diferentes actuacións, xunto a novas propostas de baile e tradición, como Areas do Mar chega de América. O concerto de Mondra, ás 22:30 horas na Praza da Igrexa, poñerá o broche final á novena edición.

CULTURA, MEMORIA E PARTICIPACIÓN

O Ares Indiano contará tamén con diferentes obradoiros infantís, desde pintura caribeña ata a elaboración de chaveiros, decoración de sombreiros ou a procura do tesouro indiano.

As persoas asistentes poderán ademais participar nos sorteos de agasallos se acoden caracterizadas e consultar ou adquirir material conmemorativo no Stand Municipal. A tenda efémera Chimpos ofrecerá alugueiro de vestimenta indiana, mentres que a recreación dunha escena indiana da Sociedade Cultural O Tilo completará a ambientación do paseo marítimo.

Os roteiros históricos serán outra das grandes propostas da fin de semana. As inscricións abriranse o mércores 12 de agosto na Oficina de Turismo, tanto para os percorridos en autobús histórico como para os roteiros a pé.

Con esta nova edición, o Concello de Ares reivindica unha vez máis a importancia de coñecer e conservar a memoria da emigración, lembrando ás persoas que marcharon, ás que quedaron e a pegada que aquel fenómeno deixou na sociedade galega.

Tres días para viaxar ao pasado, descubrir historias e celebrar unha parte esencial da identidade e da memoria colectiva de Ares.

Pódeche interesar