O Concello presenta o XIV Concurso de Pintura Manuel Rebón

Comparte esta nota de prensa

O alcalde e a concelleira de Cultura, xunto coa viúva deste destacado veciño aresán, un dos pilares do CIRS, e a presidenta da entidade, presentaron esta mañá o décimo cuarto certame

Trátase dunha iniciativa cultural que esperta cada ano unha gran expectación pola calidade artística dos traballos, procedentes tanto do ámbito local como de toda Galicia e incluso fóra dela.

O alcalde do Concello de Ares, Julio Iglesias, e a concelleira de Cultura, Alma Barrón, presentaron esta mañá a que será a décimo cuarta edición do concurso de Pintura Concello de Ares-Manuel Rebón. Neste acto tamén estivo presente a viúva de Rebón, Josefina Gelpi, e a presidenta do CIRS, Amparo Vilasánchez.

Todo o certame, repetindo as experiencias dos anos anteriores, levarase a cabo en Cervás, así como a mostra posterior que tamén se realizará nesta parroquia aresana. Nomeadamente no seu local social, o CIRS, entidade á que estaba moi vencellado

Manuel Rebón, veciño finado hai anos e un dos pilares fundamentais da asociación, así como destacado afeccionado á pintura.

O acto de hoxe serviu para dar a coñecer as bases e o cartel promocional, para o que se elixiu como imaxe o cadro gañador da edición do 2019, “Manglar”, da pintora Teresa Durá. Na presentación explicaron que tras o parón sufrido a ano pasado pola pandemia, este ano retómase a iniciativa, que incrementará as contías dos premios e, como novidade, para dar unha maior rotación de premiados, non poderán presentarse os agraciados cos premios en metálico das dúas edicións anteriores.

O concurso, tal e como consta nas bases, vai dirixido a residentes no territorio español, maiores de idade, que poderán presentar no CIRS de Cervás entre os días 1 e 10 de setembro –en horario de 19.00 e 21.00, de luns a venres, e de 12.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00 horas, os sábados e domingos- un máximo dunha obra, única e orixinal. Ésta deberá axustarse a óleos e acrílicos cun tamaño máximo de 110 x 110 centímetros, incluíndo o marco.

O xurado fallará o premio o día 13 de setembro, que será entregado o día 25 de setembro no CIRS. A contía do primeiro será de 1.500 euros, establecéndose dous accésit e un premio especial de 600 euros para o mellor pintor local.

A exposición será tamén no CIRS entre os días 15 a 25 de setembro, no horario de apertura do local social de Cervás.

Os interesados en participar poderán consultar as bases do concurso na páxina web do Concello www.concellodeares.com, ou ben chamando ao teléfono 981448057 (Alianza Aresana) en horario de luns a venres de 9 a 14 horas

Pódeche interesar