O Concurso de Castelos de Area volve a Ares

Comparte esta nota de prensa

O evento organizarase o 11 de agosto destinado ós nenos e nenas e á participación das familias.

Dende hoxe e ata o luns, ambos inclusive, estará aberta a inscrición previa na Alianza Aresana tanto presencial coma telefonicamente.

A praia do Xuncal contará de novo cunha estampa particular a mediados deste mes: rapaces e rapazas de diferentes idades, algúns en grupos ou de xeito individual, ocupados na construción do seu particular castelo de area. Esa é a imaxe que se recupera coa organización do XXII Concurso de Castelos de Area da Concellaría de Cultura, un evento que se materializará na mañá do 11 de agosto.

Con todo, a participación no concurso requerirá dunha inscrición previa, habilitada dende hoxe, 3 de agosto, ata o luns, 8 (ambos inclusive) na Alianza Aresana, de 9:00 a 14:00 horas, ben presencial, ben vía telefónica contactando co 981 448 057.

A iniciativa pon o foco sobre todo na mocidade, a través de categorías que axudan a diversificar a idade dos concursantes e a participar con maior igualdade. Así, establéceronse 4 categorías: menores de 6 anos; menores de entre 7 a 11 anos; menores de entre 12 a 17 anos e, a última, a familiar, que busca promover a interxeracionalidade do concurso.

En todas elas haberá a posibilidade de participar individualmente ou en grupo, mais este non poderá estar composto de máis de 3 persoas, todas elas pertencentes á mesma categoría agás cando sexa a modalidade familiar.

Para determinar os gañadores do concurso, o mesmo día de realización designarase un xurado composto por tres persoas asistentes e non participantes escollidas ó chou. Nas bases reguladoras, tamén se fai especial fincapé na importancia de que nos espazos habilitados para o deseño dos castelos de area non se atope ningunha persoa allea ó concurso máis aló dos participantes e organizadores; a obra poderá declararse nula, de feito, por este mesmo motivo.

Pódeche interesar