O Entroido 2025 en Ares: unha tarde de chocolate quente, orellas e xogos na Praza da Constitución

Comparte esta nota de prensa

O vindeiro mércores, 5 de marzo, o Concello programa para celebrar estas datas dende inchables a minikarts, obradoiros de maquillaxe e de chapas e mesmo un sorteo de agasallos entre as persoas que asistan disfrazadas. Ao peche dos eventos farase a queima do Entroido na praia urbana.

Co anuncio tamén se inclúe un aviso organizativo: se a climatoloxía é adversa, a actividade trasladarase á pista exterior do CPI As Mirandas.

A Concellaría de Cultura vén de anunciar a programación que desenvolverá a administración local para celebrar este Entroido 2025, cun abano de actividades para que pequenos e adultos poidan desfrutar da mellor maneira da festa galega. O 5 de marzo, a partir das 17:00 horas, a Praza da Constitución encherase de xogos e movemento.

Así, haberá inchables e unha área de xogos, pero tamén minikarts e un cantaxoga con superheroes. A música ambiente acompañará os obradoiros de maquillaxe e chapas, e mesmo o sorteo de agasallos entre as persoas que asistan disfrazadas.

Quen desexe inmortalizar o momento poderá facelo no photocall da S.C. O Tilo, e os que prefiran probar algo doce poderán mercar as súas orellas e chocolate quentiño. A programación concluirá preto das 19:30 horas coa tradicional queima do Entroido na praia. Dende a organización tamén resaltan que, en caso de choiva, todas estas actividades trasladaranse á Pista exterior cuberta do CPI As Mirandas.

A área de Cultura estende o seu especial agradecemento ás tres entidades involucradas no Entroido 2025 xunto co Concello: a Sociedade Cultural O Tilo, o Grupo de Gaitas Aresán que tocará na xornada e o voluntariado de Protección Civil de Ares.

 

CARTEL CARNAVAL ARES 2025

Pódeche interesar