O Mosteiro de Santa Catalina contará cunha nova Iluminación Ornamental

Comparte esta nota de prensa

O Concello de Ares anunciou a concesión da subvención que permitirá levar a cabo a actuación para dotar ao Mosteiro de Santa Catalina dunha nova iluminación ornamental.

O investimento total para este proxecto, que ascende a 47.805,96 euros, será financiado conxuntamente pola Axencia de Turismo de Galicia, que achegará 30.000 euros, e as arcas municipais.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, explicou que o obxectivo principal desta actuación é sanear e realzar as fachadas do Mosteiro, tanto a principal como a lateral dereita.

Para logralo, levarase a cabo a substitución e instalación de equipos da iluminación ornamental nos paramentos exteriores. Retiraranse as actuais luminarias tipo vila, brazos e cableado, e dotarase ao Mosteiro dunha iluminación adecuada para a correcta observación dos seus detalles arquitectónicos.

O proxecto enfocarase nas fachadas principal e lateral dereita do Mosteiro. Actualmente, cóntase con 24 vilas nestas áreas, as cales serán substituídas por un total de 41 elementos. Reducirase o número de vilas a 15 e instalaranse 25 novos elementos, incluíndo 17 proxectores e 8 luminarias lineais.

O campanario recibirá unha atención especial nesta renovación. Instalaranse 8 luminarias lineais nas bases das columnas, o que resaltará a súa presenza durante a noite. Ademais, no interior do campanario colocarase un proxector que brindará unha iluminación indirecta, creando un contraste entre o exterior e interior.

Ademais destas melloras, levaranse a cabo outras actuacións para realzar a beleza do Mosteiro. Instalaranse 3 proxectores que garantirán unha iluminación uniforme, e engadiranse 14 proxectores máis para resaltar a fachada principal e a lateral dereita do edificio.  Estes proxectores situaranse no chan das zonas axardinadas do Mosteiro, xerando unha iluminación horizontal que realce a beleza da pedra mediante a reflexión da luz.

Olimpia Marcos, destacou a importancia desta intervención, que “permitirá a posta en valor do noso patrimonio, ao tratarse dun edificio monumental e con esta nova iluminación conseguirase resaltar os elementos singulares da fachada, portenciar o seu interese turístico, histórico e cultural”.

A edil subliñou que a iluminación adecuada nas fachadas contribuirá a embelecer a contorna, así como destacar os detalles arquitectónicos e artísticos do Mosteiro, o que permitirá aprecialos en todo o seu esplendor.

Pódeche interesar