O punto limpo móbil do Concello estará operativo a partir da primeira semana de xaneiro

Comparte esta nota de prensa

O novo servizo, que mellorará a recollida de residuos domésticos pola contorna municipal, instalarase en 12 ubicacións rotativas —unha por semana— repetindo o seu itinerario cada tres mensualidades.

Nel poderán depositarse pilas e baterías; lámpadas e tubos fluorescentes; aceites minerais e vexetais; roupa e calzado e pequenos electrodomésticos

O 2023 arrancará en Ares cunha gran novidade no seu servizo de xestión de residuos: o punto limpo móbil que vén de adquirir o Concello porase en marcha na primeira semana de xaneiro, realizando un percorrido por diferentes parroquias do municipio co obxectivo de cubrir o maior número de espazos posibles.

A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, achegou a información sobre o funcionamento deste servizo que será chave na recollida de refugallos domésticos que requiren dun tratamento especial: “cada semana cambiaremos a ubicación do punto limpo seguindo un itinerario xa planificado para todo o 2023. Dentro deste itinerario, cada tres meses o punto limpo repetirá o percorrido polo municipio porque tamén desexamos que se instale coma un hábito dentro do concello”.

En total, a área de Medioambiente designou 12 ubicacións por todo Ares: Barracido, Cervás, Mazote, Mariña do Pombal, Cortiñas Gil, o Porto, Seselle, Redes, Lubre, Besoxo, Chanteiro e Pedrós. A veciñanza poderá consultar a nomeada planificación para saber cando e onde está situado o punto limpo móbil na páxina web municipal e nos carteis e folletos dispoñibles en edificios públicos, como é o caso da casa consistorial.

No que atinxe ó seu primeiro mes de actividade, estará dispoñible na área do Porto, Seselle, Besoxo e, finalmente, Chanteiro, e constará de 6 contedores nos que a veciñanza poderá depositar:

  • Pilas e baterías.
  • Lámpadas e tubos fluorescentes.
  • Aceites minerais.
  • Aceites vexetais.
  • Pequenos electrodomésticos.
  • Roupa e calzado.

Segundo os pregos técnicos, o vehículo-punto limpo móbil supuxo un investimento de 85.910 euros, impostos incluídos, recibidos a través dunha liña de subvención da

Xunta de Galicia cofinanciada polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia con cargo á Unión Europea-NextGeneration.

PUNTO LIMPO MÓBIL en pdf

Pódeche interesar